17 de decembro de 2025
Ademais, tamén se asignaron as obras de humanización da praza Manuel Guitián, na segunda fase de Elviña, dando continuidade á folla de ruta do Plan de Barrios 2025-27
A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe os traballos de mellora que acometerá o Concello no espazo sueste do Barrio das Flores, concretamente nunha superficie de máis de 5.300 metros cadrados entre as rúas Petunias e Azucenas.
As obras, asignadas á UTE Success Infraestructuras y Servicios e Construcciones Leonardo Míguelez, permitirán remodelar os espazos de paso peonil para garantir que os cambios de nivel sexan o máis suaves posibles para o paso da veciñanza, e facilitarán ao máximo o acceso ás vivendas desde a rúa Petunias e salvarán os desniveis que existen na rúa Azucenas.
A planificación prevista inclúe a instalación dun novo ascensor que permitiría comunicar, de forma vertical, dúas plataformas de acceso a vivendas con alturas diferenciadas. Ademais, renovarase o parque infantil que hai no centro da praza e haberá melloras na rede de saneamento e de iluminación pública, para facelas máis eficientes.
O investimento previsto é de algo máis dun millón de euros.
O Plan de barrios 2025-27 avanza cara á segunda fase de Elviña
Seguindo cos investimentos incluídos na primeira fase do Plan de barrios 2025-27, o Concello actuará proximamente na segunda fase do barrio de Elviña, onde se humanizará a praza Manuel Guitián, coas obras xa adxudicadas.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a asignación destas á empresa Construcciones Cernadas. Cun investimento de 609.000 euros, o Concello busca gañar superficie peonil e seguridade viaria na contorna das vivendas da praza, e tamén facer máis sinxelo o tránsito das persoas.
Entre as accións previstas está renovar os pavimentos, tanto das beirarrúas, que serán ampliadas, como da calzada, e visibilizar os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, elevarase o paso peonil no acceso á praza, onde se disporán máis exemplares de arboredo, o que favorecerá a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano. Tamén se renovarán a iluminación da praza e as infraestruturas de saneamento.

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

28 de xullo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible