Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de outubro de 2023

O Concello amosa o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa e dos traballadores e traballadoras de Teleperformance A Coruña

Os grupos municipais de PP, PSOE e BNG acordaron un comunicado do Concello da Coruña en solidariedade con este colectivo de traballadoras e traballadores e en apoio ás súas xustas demandas e reivindicacións

O Concello da Coruña subscribe o seguinte comunicado de apoio e solidariedade coas reivindicacións do comité de empresa e dos traballadores e traballadoras de Teleperfomance A Coruña:

"O ERE anunciado por Teleperformance o pasado 25 de agosto deixará na rúa a 38 familias na Coruña, 158 en Ponferrada, 110 en Sevilla e 4 en Madrid. Teleperformance España pretende despedir a 310 traballadores e traballadoras por causas organizativas e/ou produtivas.

A multinacional, que dobrou os seus beneficios tras a pandemia e que recentemente anunciou unha OPA sobre o grupo Majorel, xustifica esta decisión debido a que prevé unha diminución de volumes en dúas das campañas que está a xestionar.

O Comité de Empresa asegura que non ve xustificación algunha para a actuación que pretende aplicar a empresa, e solicitaron que a medida se cinga única e exclusivamente ao criterio de voluntariedade, pero, afirman que non ven vontade para iso por parte da empresa e que esta última está a poñer trabas ao devandito criterio.

En menos de tres anos o cadro de persoal da empresa nesta cidade pasou de máis de 900 persoas a pouco máis de 500, que están a traballar actualmente no centro de Agrela.

Case 400 persoas quedaron sen emprego na comarca debido ás políticas de deslocalizadón das empresas que prestan servizos de atención á clientela, servizos que as grandes multinacionais como Teleperformance están a trasladar a países con condicións laborais e sociais precarias, aumentando así os seus beneficios empresariais en detrimento da economía das familias da Coruña.

Este novo episodio súmase aos sufridos con anterioridade polo persoal doutros servizos de atención ao cliente situados na cidade, como o de Unión Fenosa Distribución (UFD) do Grupo Naturgy, o de R, o de Orange ou o de Servihabitat.

O Concello da Coruña súmase á denuncia do comité de empresa de Teleperformance A Coruña ante a falta de responsabilidade social das multinacionais como Teleperformance que, ano tras ano, aumentan os beneficios das súas corporacións en vez de investir na mellora das condicións laborais das persoas traballadoras ou nun mellor servizo e trato á súa clientela.

O Concello da Coruña fai un chamamento ás grandes empresas asentadas no noso termo municipal, e en especial neste caso a Teleperformance A Coruña, para que deteña a destrución de emprego e ataque á economía da cidade e da súa área de influencia, e para que aposte de maneira firme e convincente non só polo mantemento do seu cadro de persoal actual, senón polo crecemento do mesmo no centro de traballo de Agrela.

Así mesmo, o Concello da Coruña insta á Xunta de Galicia e á Administración estatal a adoptar as medidas oportunas para evitar a deslocalización e garantir así o mantemento do emprego no país".

Os grupos municipais de PP, PSOE e BNG acordaron un comunicado do Concello da Coruña en solidariedade con este colectivo de traballadoras e traballadores e en apoio ás súas xustas demandas e reivindicacións.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión