23 de outubro de 2020
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que aínda que non se regulará a capacidade destes espazos ao seren abertos, si haberá vixilancia para controlar o uso de máscaras e a distancia social
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que para a conmemoración do Día de Defuntos, os cemiterios da cidade estarán abertos desde o 28 de outubro ata o 1 de novembro e ampliarase o horario das 08.00 ás 19.00 horas. A rexedora sinalou que aínda que nun principio non se regularán as capacidades nos cemiterios ao seren espazos abertos, "si haberá vixilancia para controlar o uso de máscaras e o cumprimento da distancia de seguridade". Ademais, instalaranse dispensadores de xel hidroalcólico en puntos estratéxicos, próximos a elementos comúns como as regadeiras e pasamáns, e habilitarase cartelería informativa nos accesos.
Desde a Concellería de Medio Ambiente, reforzarán a presenza de colectores de lixo orgánico para que a cidadanía deposite os restos de flores e de contedores inorgánicos co fin de que se desfaga de luvas e máscaras, entre outros residuos. Recordan que dada a situación actual, este protocolo poderá variar en función do que dite a Xunta con respecto á mobilidade das e dos coruñeses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible