18 de setembro de 2026
A Xunta de Goberno Local deulle luz verde á petición dos investimentos, que se empregarán no reforzo da infraestrutura eléctrica e na subministración de tapas singulares de saneamento que incoroporarán un novo deseño
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta de Goberno Local na que se acordou a participación do Concello na segunda quenda do Plan provincial de cooperación para obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ ADICIONAL 2026, sistema de achegas económicas a concellos da Deputación.
"Con estes investimentos imos levar a cabo un reforzo adicional en ámbitos fundamentais como o alumeado público ou os equipamentos da rede de saneamento. Así continuamos pola senda de utilizar todos os recursos ao noso alcance para investir nesta cidade e na súa cidadanía", remarcou Inés Rey.
A resolución do Consistorio é solicitar un total de 234.417,95 € en ingresos adicionais. A maioría deles, 216.267,95 €, irán reforzar a subministración eléctrica e a iluminación pública. Os 18.150 € restantes investiranse na subministración de tapas singulares de saneamento que incorporarán novos deseños como parte dun proxecto piloto que ten como obxectivo incorporar novos modelos de tapa en toda a cidade incluíndo emblemas, escudos e símbolos característicos para contribuír a reforzar o valor simbólico e estético do espazo público, favorecendo a posta en valor do patrimonio cultural e deportivo local.
O Concello xa tivo unha participación salientable na primeira quenda do Plan POS+ 2026, con cofinanciamentos entra a Deputación e Concello por valor de case un millón de euros en investimentos na cidade -dos que a Deputación achegou case 300.000 €-. Isto incluíu proxectos como a segunda fase da rede de saneamento separativa de Eirís de Abaixo ou a mellora da rede separativa de Manuel Murguía.
Así mesmo, dentro do plan de reserva posterior, aprobáronse outros 600.000 euros de investimentos cun financiamento provincial mínimo do 25%, empregados na mellora da rede de saneamento no Barrio das Flores -concretamente os pluviais da rúa Violetas-. Tamén en maio deste ano se acordaron investimentos por valor de 234.417,95 € incluídos no plan de apoio provincial.

2 de setembro de 2026

31 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible