13 de xullo de 2026
A mediados de semana está previsto iniciar os traballos de pavimentación do novo carril bici; tamén a disposición da primeira capa de asfalto, o que esixirá cortes de tráfico en horario nocturno
As obras de remodelación dos Cantóns, promovidas polo Concello, avanzan a bo ritmo e con novas actuacións previstas nos vindeiros días. Unha das máis destacadas, a próxima instalación das novas marquesiñas das paradas do transporte urbano no Obelisco e na beira do Copacabana.
Este luns comezou a montaxe das estruturas en ambas as paradas, que contará cunhas dimensións máis amplas con respecto á súa configuración previa. Para o deseño das paradas tivéronse en conta dous aspectos: o primeiro, a súa función como punto de agarda para tomar o bus e, ademais, a necesidade de dispor dun espazo confortable e cuberto que forma parte de enclaves para o descanso e a reunión, unha filosofía semellante á que se executou na parada da rúa Alcalde Manuel Casás.
Estas paradas entrarán en servizo a finais deste mesmo mes de xullo, e será entón cando se anulen, provisionalmente, as paradas existentes na contorna da praza de Mina, que tamén serán remodeladas ao abeiro das obras que están en marcha na zona. Tras a súa adaptación, volverán estar operativas e, ademais, con importantes novidades: a parada do Cantón Pequeno -unha das que rexistra máis subidas da cidade- contará cunha cobertura por primeira vez na súa historia. "Trátase de continuar avanzando na remodelación dos Cantóns con máis espazo peonil, mais tamén con melloras nos servizos que xa se prestaban, como as paradas do transporte público", indicou a alcaldesa, Inés Rey.
Proximamente, actuacións sobre o firme e no novo carril bici
Ademais dos traballos nas paradas do transporte urbano do Obelisco, a dirección de obra ten previsto iniciar esta semana as tarefas para pavimentar o novo carril bici dos Cantóns, un percorrido que xa deixou entrever nas últimas semanas a súa configuración inicial. Agora, con esta nova fase de actuacións, será visible o seu firme diferenciado, unha medida clave en materia de seguridade viaria.
En paralelo, tamén está previsto iniciar a disposición da capa de rodadura na calzada dos Cantóns. É dicir, a primeira capa de asfalto que se estenderá nos dous carrís polos que circulará o tráfico rodado, un por sentido. Esta intervención levarase a cabo en horario nocturno ata o venres 17 e suporá cortes de tráfico, só pola noite, entre praza de Mina e Manuel Casás, co obxectivo de avanzar o máis axilmente posible e para minimizar o impacto na mobilidade dos vehículos polo día.
Neste sentido, e xa que os cortes de tráfico serán só en horario nocturno, o transporte público manterá a súa actividade e horarios de forma ininterrumpida, sen variacións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible