Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de maio de 2025

O Concello celebra o centenario de Gerardo Porto cunha exposición no Kiosko Alfonso

Inés Rey: “A súa obra forma parte do día a día da cidade, da nosa paisaxe emocional e urbana”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a apertura da mostra 'Gerardo Porto 1925-2025', unha exposición que repasa a traxectoria deste artista coruñés. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Ao acto tamén asistiron as fillas do artista, Isabel e Cristina Porto, e o comisario xunto a Isabel Porto, Pedro Vasco.

"Esta exposición é unha homenaxe a un artista esencial na identidade visual da Coruña. A súa obra -como o Millenium, os murais do Club do Mar ou os bancos dos Rosales- forma parte do noso día a día, da nosa paisaxe emocional e urbana", sinalou a alcaldesa. A exposición está aberta á cidadanía no Kiosco Alfonso, con acceso gratuíto, ata o vindeiro 6 de xullo.

A mostra conmemora o centenario do artista e, ao mesmo tempo, rende homenaxe ao seu legado. Será unha oportunidade única para reflexionar sobre o seu impacto na arte. As 120 obras seleccionadas dentro dos seus últimos 30 anos de traballo brindan unha excepcional visión da súa evolución e da profunda conexión que mantivo coa súa paixón pola arte.

Ademais de ser unha homenaxe, esta exposición ten un propósito claro: manter viva a admiración pola súa obra e achegar a súa arte a novas xeracións. "A Coruña foi para Porto moito máis ca un lugar de nacemento: foi a súa musa, a súa inspiración e o seu destino final. Aquí regresou, aquí pintou, aquí deixou a pegada da súa mirada, da súa luz e do seu amor pola cidade", indicou Inés Rey. 

A luz, o sentimento e a emoción que transmite o seu traballo son un fío condutor nesta mostra. As pezas permitirán ver a evolución do seu estilo, ademais de ofrecer unha xanela á súa visión artística máis madura. A alcaldesa tamén destacou o carácter universal de Gerardo Porto, que se formou en Madrid e París, viviu en Holanda, aprendeu de Matisse, pero "nunca perdeu a raíz galega". "El mesmo dicía: 'Galicia amamantoume, Francia ensinoume, Holanda desasnouse, e a Cultura Atlántica deume a fascinación polo oculto e a luz do misterio'", rememorou a alcaldesa, que agradeceu á súa familia compartir o legado do artista para amosarllo á cidadanía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión