6 de setembro de 2026
A actuación consiste na instalación de dúas bandas led no chan de ambos os lados do paso peonil que reproduzan a sinalización luminosa da rede semafórica, nun cruzamento situado xunto a dous centros educativos
O Concello está a acometer unha mellora na seguridade viaria e na mobilidade na intersección entre a rúa Modesta Goicouría e a praza de Pontevedra coa colocación de dúas balizas semafóricas no paso peonil. Esta actuación lévase a cabo para reforzar a protección nunha zona próxima ao IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e ao CEIP Eusebio da Guarda e que, por tanto, ten unha grande afluencia peonil de estudantes, especialmente nas horas de entrada e saída dos centros.
A intervención consiste na colocación de dúas bandas led no chan de ambos os lados do cruzamento que reproducen as indicacións luminosas dos semáforos, abríndolle e pechando o paso aos peóns. "O Concello está a traballar para facer unha cidade máis segura e transitable para todos e todas, con especial atención nas áreas que, por proximidade con centros de ensino, son especialmente sensibles e precisan un maior reforzo", subliñou a concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Montserrat Paz.
Os dispositivos instalaranse garantindo a ausencia de desniveis e o cumprimento da normativa de accesibilidade. A incorporación destas balizas incrementa, en definitiva, a visibilidade da sinalización semafórica no campo visual inmediato do peón, reducindo o risco de accidentes. O prazo máximo de execución da obra é de oito semanas.
CEIP Fernández Latorre
Outra mellora significativa da mobilidade e seguridade viaria na contorna dos colexios é a actuación no acceso do CEIP Fernández Latorre, na que o Concello levou a cabo o repintado das zonas de circulación de vehículos para contribuír á ordenación do tráfico, ademais de renovar a sinalización, coa instalación dun sistema de valado para separar a beirarrúa da estada e ampliar o espazo de tránsito peonil para acomodar os viandantes nos momentos de maior tránsito, coincidindo sobre todo cos horarios de entrada e saída do centro.
Estas accións súmanse aos importantes investimentos do Concello na rede de centros públicos de ensino e as súas zonas lindeiras, co obxectivo de modernizar e mellorar a infraestrutura educativa e a seguridade na cidade.

5 de setembro de 2026

4 de setembro de 2026

2 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible