Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de xaneiro de 2026

O Concello concede a Resonac a licenza para o desmantelamento das antigas instalacións de Alu Ibérica

O goberno Local tamén deu luz verde á licenza para rehabilitar a envolvente da Escola Técnica de Náutica e Máquinas

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión da licenza necesaria para que a empresa Resonac iniciar os traballos de desmantelamento das antigas instalacións de Alu Ibérica no parque industrial de Agrela.

O obxectivo de Resonac é incrementar a súa actividade de produción de grafito para baterías eléctricas e tamén a posta en marcha dunha planta de produción de hidróxeno. Para iso, será preciso actuar previamente sobre as antigas naves, cubertas e áreas de fundición, entre outras estruturas. En base aos informes municipais, o investimento previsto pola empresa no conxunto das actuacións é de 5,5 millóns de euros, cun prazo de execución de 36 meses.

"Entendemos que o proxecto de Resonac na Coruña é fundamental para fixar emprego de calidade na cidade cunha perspectiva de futuro, tamén para reforzar a actividade industrial no polígono", indicou Inés Rey.

Ademais, esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licenza necesaria para rehabilitar a envolvente da Escola Técnica de Náutica e Máquinas. O permiso tamén habilita a realizar melloras de accesibilidade no edificio principal da Escola.

Por outra banda, tamén se concedeu licenza para a demolición dun inmoble no nº 52 da peatonal da Gaiteira. Á vez, facilitáronse os permisos para a construción dun novo edificio residencial sobre o soar existente, toda vez remate a demolición previa.

Tamén a través da área municipal de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local aprobou a normalización de fincas proposta por un particular no conxunto de parcelas existentes entre a avenida de Monelos, o parque de Oza e as rúas Juan Neira e Corrales, onde hai superficie edificable. Das 12 parcelas que integran o ámbito, nove son propiedade dunha mesma persoa, que conta cunha ampla porcentaxe da superficie no ámbito e foi a que presentou a solicitude para valorar o aproveitamento dos predios.

Agora, este particular terá que presentar un proxecto conforme á Lei do Solo, tal e como marca a normativa.

Ademais, tamén este venres, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto do primeiro regulamento do Consello Local da Infancia e da Adolescencia (CLIAC).

"O CLIAC creouse como un espazo específico para fomentar a participación activa das e dos coruñeses menores de idade no marco das políticas públicas do Goberno local. É, en esencia, un órgano participativo que contribúe á posta en valor das achegas da mocidade para mellorar a nosa cidade, facendo que as novas xeracións sexan partícipes dos cambios que haxa no futuro. Hoxe, reforzamos este dereito coa aprobación dun novo marco de organización e funcionamento do CLIAC, que articula o funcionamento deste consello de participación, valorando o traballo realizado ata agora", explicou a alcaldesa.

Neste sentido, este mes retomaranse os encontros coas nenas e nenos. Está previsto que manteñan os seus grupos de traballo os días 28 e 30 de xaneiro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión