Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de marzo de 2023

José Manuel Lage: “Esta ferramenta sitúa á Coruña noutra dimensión en termos de relación entre os cidadáns e a administración”

O Concello crea unha App Cidadá que integra todos os servizos municipais

APP Coruña está xa dispoñible en Android e iOS e permite levar a cabo trámites administrativos, usar o servizo de BiciCoruña ou consultar o estado do tráfico en tempo real

O voceiro municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, presentou esta mañá a nova aplicación móbil cidadá que xa está dispoñible en sistemas Android e iOS, App Coruña. Esta nova ferramenta permitirá a consulta e xestión de múltiples servizos municipal e será, en palabras do edil, "unha revolución no día a día dos coruñeses e coruñesas".

Lage destacou que a posta en marcha desta ferramenta "sitúa a cidade da Coruña noutra dimensión en termos de relación entre os cidadáns e a administración".

Con esta aplicación a cidadanía poderá acceder á gran maioría dos servizos municipais desde o seu móbil. Pódese consultar información en tempo real sobre o tráfico, os autobuses, BiciCoruña ou a axenda cultural. Tamén é posible consultar datos persoais de cada persoa como impostos, recibos ou préstamos bibliotecarios.

Os contidos da aplicación pódense personalizar en función das preferencias de cada usuario, que só necesitará as súas credenciais de acceso ao perfil municipal para dispoñer de diferentes servizos. A aplicación é moi intuitiva, con iconas de gran tamaño e menús organizados por áreas. Unha vez introducido o perfil persoal do Concello, a información organizarase en diferentes temáticas para facilitar a navegación.

"Unha das vantaxes desta nova aplicación é que poderemos agrupar nela diferentes servizos que xa estamos ofrecendo e outros que ofreceremos nos próximos meses", sinalou José Manuel Lage. O servizo de BiciCoruña está totalmente integrado nesta aplicación, permitindo a reserva e o desbloqueo de bicicletas, así como novas funcións, como un planificador de rutas. Por outra banda, tamén hai información en tempo real do servizo de transporte urbano e moi pronto integrarase na aplicación o novo sistema de pago do billete do bus con código QR.

A aplicación conta con outras seccións de utilidade para a cidadanía, como un visor do estado do tráfico en tempo real, as incidencias e cortes por días ou mapas cos servizos esenciais da cidade. Tamén inclúe información sobre os distintos procesos selectivos que se convocan polo Concello, coa posibilidade de subscribirse a un servizo de alertas para estar informado de calquera novidade. Na aplicación está integrado o novo Sistema de Suxestións e Reclamacións, que permite crear incidencias, adxuntar imaxes e facer un seguimento do proceso de tramitación.

Desde a aplicación tamén é posible levar a cabo trámites e xestións municipais a través do noso servizo de cita previa e consultar todos os procedementos abertos. Poderanse consultar todo tipo de datos persoais, como a nosa identidade dixital, os nosos inmobles e vehículos, os nosos impostos e recibos ou os préstamos das bibliotecas.

O Goberno de Inés Rey investiu 164.000 euros, cofinanciados a través de fondos europeos FEDER, na creación desta aplicación. "Esta aplicación, en termos de innovación e novas tecnoloxías, sitúanos no primeiro nivel das cidades europeas, ofrecendo ao cidadán todos os servizos que precisa na súa man", sinalou Lage.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión