Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de abril de 2022

O Concello da Coruña ofrece unha ampla programación cultural e de ocio durante a Semana Santa

Todos os museos e exposicións municipais permanecerán abertos ao público durante as festividades relixiosas

O Concello da Coruña manterá esta Semana Santa a súa oferta museística, coa apertura dos museos e exposicións municipais durante as festividades para todas aquelas persoas visitantes que queiran gozar da súa oferta cultural. Neles poderanse visitar tanto as exposicións permanentes como as temporais, así como gozar das programacións específicas de Semana Santa.

O Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña ofrecerá, ademais do acceso á súa exposición permanente, dúas visitas guiadas ao Castro de Elviña para coñecer a contorna e a historia arqueolóxica da cidade. Estas realizaranse o sábado 16 e domingo 17 ás 12:00 h. O número de prazas dispoñibles por grupo son 25 e será preciso realizar a reserva previa no propio museo, de forma presencial ou a través do número 981 189 850.

O Palacio Municipal e o Kiosco Alfonso tamén abrirán as súas portas para todas aquelas persoas que queiran achegarse a gozar da obra das artistas Novais e Dorda. "Tempos" e "Desexos", exposicións das artistas Novais e Dorda, estarán dispoñibles en horario de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h nas sedes municipais, con acceso libre e de balde.

Ademais, a biblioteca do Ágora ofrecerá o luns 18 de abril unha cita dentro do seu programa "Merendas con contos". Os nenos e nenas poderanse divertir esa tarde cunha merenda diferente na compañía dos Ratos de Lonxetodo, uns simpáticos ratiños e ratiñas que visitarán a biblioteca para achegarlles a literatura dunha forma lúdica. O horario é de 18:00 h a 19:00 h e cómpre inscribirse a través da web www.coruna.gal/bibliotecas.

Programación das Casas Museo

As Casas Museo do Concello da Coruña permanecerán abertas ao público durante os días de Semana Santa, e o público poderase achegar para visitar as súas exposicións permanentes de xeito gratuíto.

Ademais das exposicións permanentes, na Casa Museo Casares Quiroga pódese visitar a exposición temporal "María Casares. Vivencias de infancia e xuventude. 1922-1936" sita na planta baixa, con motivo da celebración do Ano María Casares. Esta estará dispoñible ata o 8 de maio. No caso da Casa Museo María Pita o público poderá achegarse á planta baixa para visitar a exposición "Vida en colores", con pinturas da artista Ana Belén Reboredo, dispoñible ata o 30 de abril. E na Casa Museo Pablo Picasso tamén se poderá acceder á exposición temporal cos debuxos do alumnado participante no festival Animación.

O horario de visita será de 11:00 h a 13:30 h e de 18:00 h a 20:00 h, agás nos días festivos (xoves 21, venres 22 e sábado 23) que se abrirán de 12:00 h a 14:00 h. O luns permanecerán pechadas.

Programación dos Museos Científicos da Coruña

A Rede de Museos Científicos MC2, integrada polo Aquarium Finisterrae, Domus e Casa das Ciencias, permanecerá aberta durante a temporada de Semana Santa para que o público poida visitar as súas exposicións.

Ademais, o Planetario da Casa das Ciencias terá unha programación especial entre os días 9 e 18 de abril (ambos inclusive), con catro proxeccións dirixidas ao público infantil en horario de mañá e tarde. As nenas e os nenos entre 4 e 7 anos poderán gozar con "La niña que sabía caminar al revés" (11:00 h) ou "O ceo de Cloe" (16:30 h), mentres que as/os maiores de 7 poderán ver "Dinosaurios" (18:00 h). Ademais, as/os maiores de 10 anos terán a oportunidade de asistir a outra proxección titulada "Lévame á lúa" (13:00 h). As proxeccións levaranse a cabo todos os días, de acordo co horario de apertura do Museo da Casa das Ciencias.

O horario de apertura para todos os museos é de 10:00 a 19:00 h de luns a domingo, aínda que unicamente se poderá acceder ata media hora antes do peche (18:30 h). As entradas poden reservarse cun máximo de 3 días de antelación a través da páxina web www.coruna.gal/mc2/gl ou de forma presencial sen reserva (aínda que é recomendable, sobre todo os días de moita afluencia de público).

As tarifas de prezos para as entradas dos Museos Científicos da Coruña (MC2) son as seguintes:

  • Aquarium Finisterrae: 10 euros (4 euros en tarifa reducida).
  • Domus: 2 euros (1 euro en tarifa reducida).
  • Casa das Ciencias. 
    • Entrada xeral: 2 euros (1 euro en tarifa reducida).
    • Entrada con visita ao planetario: 4 euros (2 euros en tarifa reducida).

Poderán beneficiarse da tarifa reducida aquelas persoas menores de 16 anos, desempregadas, maiores de 65 anos, estudantes ou con Carné Xove así como familias numerosas debidamente acreditadas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión