Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xullo de 2026

O Concello esixe á Xunta a aprobación dun plan de investimento e rehabilitación dos colexios públicos da cidade

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, acudiu hoxe a entregarlle ao delegado de Educación da Xunta un informe onde se detallan todas as necesidades de mellora estrutural da rede de colexios

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, acudiu hoxe, en representación do Goberno de Inés Rey, a entregarlle ao delegado de Educación da Xunta o "Informe das necesidades de rehabilitación e mellora nos centros públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial da cidade da Coruña". Trátase dun documento elaborado polo Concello onde se detallan todas as carencias que están a sufrir os centros da cidade debido á falta de investimento do Goberno autonómico. 

"Nós facemos todo o que está ao noso alcance e mesmo máis cos recursos limitados que temos. Mais necesitamos que a Xunta faga o seu traballo. Que asuma as competencias que son súas. Trátase da educación dos nosos fillos e fillas", apuntou Borrego, que tamén esixiu a través do escrito a aprobación e execución dun Plan de Rehabilitación Integral dos Colexios na cidade da Coruña que intensifique as actuacións nos 29 centros de primaria (28 CEIPs e o CEE Nosa Señora do Rosario) e trace un camiño claro para modernizar as instalacións da cidade, que teñen unha media de antigüidade de 50 anos. 

"O CEIP Curros Enríquez é un edificio dos anos 30 que ten uns problemas de accesibilidade importantes. E é só un dos exemplos das decenas de obras e investimentos das que necesitamos con urxencia que a Xunta se faga cargo. En definitiva, que fagan o seu traballo. O Concello só non pode facer fronte a todo", engadiu o concelleiro, que tamén lamentou que, máis de 300 obras en centros educativos anunciadas pola Xunta para este verán, non houbese practicamente ningunha en centros de primaria da Coruña. "O cambio da cuberta do CEIP Sal Lence, unha demanda histórica e moi necesaria, é o único proxecto que a Xunta ten en programación. O resto son pequenas actuacións que non son suficientes para cubrir as necesidades actuais". 

Para tratar de reconducir a situación, o Concello propúxolle á Xunta manter reunións periódicas para trasladar de forma clara e fluída todas as necesidades dos colexios públicos da cidade. "O Concello ten un coñecemento máis exhaustivo do estado de todos e cada un destes centros porque é a institución que está en contacto directo e continuo cos veciños. Por iso ofrecémonos a traballar coa Xunta tendo reunións periódicas para localizar e atallar de raíz os problemas que se están acumulando. As competencias de cada Administración son claras. Só queremos que sexan tamén efectivas", subliñou Borrego.

Un informe sobre a gravidade da situación

No informe que presentou hoxe o Concello detalla con claridade todas as necesidades dos centros de primaria na cidade, ademais de enumerar todas as actuacións de mantemento e rehabilitación que a Administración local tivo que levar a cabo recentemente. Agora mesmo, o Concello ten en marcha proxectos como a reforma do patio e mellora da accesibilidade do CEIP María Pita, a renaturalización do patio do CEIP María Barbeito, a adecuación do patio do CEIP Nosa Señora do Rosario, a reforma do polideportivo do CEIP Ramón de la Sagra, a renovación do parque infantil no CEIP Concepción Arenal, a rampla de acceso do CEIP Cidade Vella ou a última fase da fachada do CEIP Raquel Camacho. 

Este ano, o Concello destina 1.749.677 € a investimentos en colexios e 2.713.000 euros á execución do seu plan de mantemento anual, e este verán realizará un total de 45 intervencións en 22 colexios para emendar desperfectos. "Non obstante, as accións de mantemento non poden substuír as obras de mellora e rehabilitación que lle correspondan á Xunta. O Concello non dispón de fondos públicos suficientes para completar as grandes actuacións necesarias", remarcou Borrego. 

No informe, o Concello explica, un por un, todos os investimentos de mellora que se deben levar a cabo nos centros de primaria, incluíndo ademais materiais gráficos para evidenciar a deterioración estrutural dalgúns destes complexos educativos. "Isto non pode esperar máis tempo. Os nenos e nenas desta cidade teñen dereito a recibir unha ensinanza en condicións dignas. É preciso destinar fondos públicos á educación infantil e primaria pública e gratuíta. Non hai escusas. Están esquecendo os colexios. Hai obras previstas en IES que non son tan necesarias como a rehabilitación dalguns colexios", rematou o concelleiro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión