Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de marzo de 2023

O informe previo elaborado polo persoal técnico establece que todas as pinturas son recuperables, mais insta a actuar nun curto prazo pola deterioración que sofren e as condicións nas que se atopan

O Concello esixirálles ás persoas propietarias dos murais de Lugrís na rúa Olmos que actúen de xeito inmediato para garantir a conservación do patrimonio

Os traballos de conservación e consolidación teñen un custo estimado de 90.000 euros, e executaranse de xeito subsidiario polo Concello se a propiedade non cumpre coas súas obrigas

O Concello da Coruña reclamaralles ás persoas propietarias do número 25 da rúa Olmos que actúen de xeito inmediato para conservar os murais pintados por Urbano Lugrís que se atopan no inmoble (un antigo restaurante) e que son tamén da súa propiedade. Lugrís é un dos pintores coruñeses máis destacados e recoñecidos do século XX e o baixo da rúa Olmos é o espazo con maior concentración de obras do autor. Logo da visita do persoal técnico municipal ao edificio o pasado mes de xaneiro, elaborouse un primeiro informe provisional sobre o estado de conservación dos murais que determinan a necesidade de actuación de forma inmediata sobre as 12 pezas que decoran as paredes do antigo restaurante Fornos.

As pinturas datan de mediados do século XX, tal e como figura na inscrición dunha delas -24 de febreiro de 1951- e están realizadas coa técnica "a secco" e pintura ao aceite. Dentro do conxunto diferéncianse dúas aplicacións: os murais da zona principal realizáronse sobre un soporte tradicional de xeso xa existente, mentres que na zona abovedada hai unha capa de morteiro de cal e area de forma previa sobre o soporte de madeira. A condición do local de hostalaría fixo que durante anos os murais estivesen expostos a fumes e vapores, procedentes da cociña así como do tabaco, que oxidaron a capa pictórica afectada por outros condicionantes como a ventilación, humidade e iluminación do espazo.

Os técnicos indican que as pinturas están en mal estado de conservación, mais son recuperables. É precisa unha actuación inmediata para garantir a súa conservación, polo que o Concello reclamaralles ás persoas donas do inmoble que actúen para protexer o legado pictórico de Lugrís do que tamén son propietarias. Os murais están catalogados e protexidos e os seus donos teñen a obriga de garantir a súa conservación.  

Ao tratarse dunha propiedade privada, o Concello notificaralles de xeito inmediato ás persoas donas dos murais a obriga de levar a cabo os citados traballos. De non responder ou non acometer as medidas de conservación necesarias, será o Concello o que actúe de forma subsidiaria. 

O Concello notificoulle o pasado mes de novembro a situación dos murais á Xunta a través de Patrimonio, cando tivo coñecemento dos problemas de mantemento do edificio. Tamén solicitou que o persoal técnico de Patrimonio acudise a comprobar o estado das obras. Ata o momento, só o persoal técnico municipal accedeu ao inmoble para elaborar un informe.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión