Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xullo de 2026

As novas edicións permitirán desenvolver 33 proxectos sociais a través do deporte e da cultura en colaboración co tecido asociativo da cidade

O Concello impulsa unha nova edición dos programas Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesible e Inclusiva cun investimento de 343.350 euros

A alcaldesa, Inés Rey, asinou os convenios que darán continuidade a dous dos seus principais programas de inclusión social a través do deporte e da cultura

O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, formalizou esta mañá os convenios de colaboración das novas edicións dos programas Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesible e Inclusiva, dúas iniciativas que consolidan o compromiso do Goberno de Inés Rey coa promoción da inclusión social, a igualdade de oportunidades e a participación cidadá a través do deporte e da cultura.

As convocatorias, correspondentes ao período 2026-2027, permitirán desenvolver un total de 33 proxectos impulsados por entidades deportivas e culturais da cidade, reforzando unha rede de colaboración que aposta por unha participación máis accesible e igualitaria para persoas con diversidade funcional, menores, persoas maiores, persoas migrantes, refuxiadas e colectivos en risco de exclusión social.

O acto estivo presidido pola alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey; acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; así como representantes das entidades beneficiarias e das empresas colaboradoras que fan posible o desenvolvemento destes programas.

"A Coruña é unha cidade que entende o deporte e a cultura como dereitos, pero tamén como poderosas ferramentas de transformación social. Son espazos de encontro, de aprendizaxe, de benestar e de convivencia. Son ámbitos que nos permiten construír comunidade e fortalecer os vínculos que nos unen como cidade", indicou Inés Rey durante a súa intervención. A alcaldesa destacou que detrás das cifras desta convocatoria hai "persoas que atopan nestes proxectos unha oportunidade para participar, para medrar, para relacionarse cos demais e para desenvolver plenamente as súas capacidades"

XIII Convocatoria Deporte Solidario e Inclusivo

A nova edición do programa apoiará 18 proxectos deportivos impulsados por entidades da cidade, cun investimento total de 243.407,50 euros.

As iniciativas seleccionadas abranguen diversas disciplinas (tenis, rugby, esgrima, natación, fútbol, halterofilia, hípica, deportes de montaña ou patinaxe) e empregan o deporte como ferramenta de inclusión social, fomentando a igualdade de oportunidades, a participación e os hábitos de vida saudables entre persoas con discapacidade, menores, mocidade e outros colectivos en situación de vulnerabilidade. Segundo as previsións das entidades participantes, os proxectos beneficiarán directamente a 4.089 persoas.

XI Convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva

Pola súa banda, a XI Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva contará cun investimento de 99.943 euros para impulsar 15 proxectos culturais promovidos por entidades da Coruña, cunha previsión de 2.577 persoas beneficiarias directas.

Os proxectos seleccionados abranguen disciplinas como o teatro, o cinema, a música, as artes plásticas, a creación audiovisual ou a cultura urbana, compartindo un mesmo obxectivo: facilitar o acceso á cultura a persoas con diversidade funcional, persoas maiores, infancia e mocidade, persoas migrantes, colectivos en risco de exclusión social e comunidade educativa, promovendo espazos accesibles onde a cultura actúe como motor de desenvolvemento persoal, cohesión social e igualdade de oportunidades.

Moitas das iniciativas desenvolveranse ademais en colaboración con asociacións sociais, centros educativos e entidades especializadas na atención á discapacidade, consolidando un modelo de cooperación que multiplica o impacto social do programa.

Un modelo de colaboración consolidado

Coa firma destes convenios, a Fundación Emalcsa reafirma o seu compromiso co fortalecemento do tecido asociativo local e coa creación de oportunidades a través de proxectos de impacto social.

As convocatorias de Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesible e Inclusiva consolidáronse ao longo dos anos como dúas das principais liñas estratéxicas da Fundación, favorecendo a colaboración entre administración pública, empresas e entidades sociais para impulsar iniciativas que contribúen a construír unha cidade máis inclusiva, participativa e cohesionada.

Desde a súa creación, a Fundación Emalcsa destinou máis de 2,5 millóns de euros ao programa Deporte Solidario e Inclusivo e máis de 940.000 euros a Cultura Accesible e Inclusiva, financiando centos de proxectos que converteron ambas convocatorias en referentes da inclusión social a través do deporte e da cultura na cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión