20 de maio de 2025
A cesión forma parte dun programa de conservación e cría en catividade no que colabora o acuario municipal
O Concello vén de incorporar dous exemplares de musola pinta (Mustelus asterias) ao tanque Nautilus do Aquarium Finisterrae, no marco dun programa europeo de conservación e cría en catividade. Esta actuación forma parte do proxecto European StudBook (ESB), promovido pola Asociación Europea de Zoos e Acuarios (EAZA) e coordinado desde o museo Ozeaneum Stralsund (Alemaña), no que participa activamente o acuario municipal coruñés.
En xaneiro de 2025 chegaron ao acuario municipal tres exemplares desta especie: dúas femias nadas en 2022 e 2024 e un macho nacido en 2024, que aínda son xuvenís e miden entre 50 e 120 centímetros. Desde a súa chegada permaneceron aclimatándose nos tanques de corentena e agora dous deles foron trasladados ao tanque da sala Nautilus, onde nadan xunto a Gastón, o tiburón touro, e outras grandes especies do Atlántico.
A musola pinta (Mustelus asterias) é unha especie de tiburón que habita nas augas do Atlántico noroccidental e do Mediterráneo, dende o Mar do Norte e as Illas Británicas ata Canarias e Mauritania. Ten un corpo esvelto e alongado, co dorso de cor gris azulado ou terroso e presenta numerosas manchas brancas características. Pode acadar os 140 centímetros de lonxitude e alcanza a madurez sexual arredor dos cinco anos. Vive habitualmente en fondos de area e grava, tanto en augas pouco profundas como ata 300 metros de profundidade.
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) cualifica o seu estado de conservación como "case ameazada" no Atlántico, e sinala a necesidade de profundar no estudo das poboacións desta especie.
A EAZA, Asociación Europea de Zoos e Acuarios, ten como obxectivo principal fomentar a cooperación entre institucións para preservar a vida silvestre, mediante programas científicos coordinados. Un deles é o European StudBook (ESB), que centra o seu traballo na recompilación e análise de datos sobre nacementos, falecementos e movementos entre centros das especies incluídas no programa, co fin de garantir a súa cría en catividade e asegurar poboacións sostibles.
A participación do Concello da Coruña neste proxecto supón un novo exemplo do compromiso do Goberno de Inés Rey co desenvolvemento de políticas ambientais sólidas e sostibles. A institución municipal continúa promovendo, a través da súa rede de museos científicos, iniciativas que combinan conservación, investigación e educación, e consolida o papel da cidade como referente na defensa da biodiversidade e na divulgación do coñecemento científico. Ademais, o Concello acometeu diversas melloras no Aquarium nos últimos tempos, como a creación do sanatorio de focas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible