30 de xuño de 2026
A actuación executarase en dúas fases cun prazo estimado de dous meses e implicará cortes parciais por zonas da instalación
O Concello da Coruña iniciou hoxe as obras de reparación do anel de auga quente sanitaria (ACS) do Palacio dos Deportes de Riazor, unha intervención dirixida a garantir o correcto funcionamento desta infraestrutura municipal e mellorar as condicións de uso para os clubs e as persoas usuarias.
Os traballos inclúen a renovación integral da rede de tubaxes de ACS e recirculación, así como a execución dun novo sistema de distribución máis eficiente e adaptado á normativa vixente. Ademais, levarase a cabo a reposición dos elementos afectados pola actuación, como falsos teitos e pavimentos, e instalaranse novos mecanismos que facilitarán o mantemento da instalación.
O orzamento total da intervención ascende a 149.210,16 euros, IVE incluído, un investimento que permitirá optimizar o rendemento da instalación e garantir unhas condicións hixiénico-sanitarias axeitadas nun equipamento deportivo de referencia na cidade.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou que "esta actuación é fundamental para asegurar o bo funcionamento dunha infraestrutura moi utilizada, mellorando tanto a eficiencia das instalacións como a calidade do servizo que se presta á cidadanía".
Co obxectivo de minimizar o impacto no uso diario do Palacio dos Deportes por parte das entidades deportivas, a actuación executarase en dúas fases diferenciadas, cun prazo estimado dun mes para cada unha delas. Na primeira fase actuarase na metade norte da instalación, correspondente ás portas pares (2, 4, 6 e 8) e á explanada exterior.
Posteriormente, na segunda fase, os traballos centraranse na metade sur, nas portas impares (1, 3, 5 e 7) e na explanada interior.
Durante a execución de cada fase será necesario o corte completo da zona correspondente, co obxectivo de garantir a correcta execución dos traballos e a seguridade das persoas usuarias.
Esta intervención é clave para a mellora e o mantemento do Palacio dos Deportes de Riazor e dá continuidade ás actuacións recentes realizadas na instalación, como a substitución da súa instalación eléctrica.
A actuación forma parte da estratexia municipal de conservación e mellora das instalacións deportivas, reforzando o compromiso do Goberno de Inés Rey coa modernización dos equipamentos públicos e coa prestación de servizos de calidade á cidadanía.

11 de xuño de 2026

9 de xuño de 2026

25 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible