8 de setembro de 2026
A actuación dará continuidade ao treito xa renovado da vía cunha plataforma única de lousas de granito e incluirá a mellora integral das redes de saneamento e servizos
O Concello iniciou os traballos de renovación da rúa Mantelería, na Pescaría, unha actuación coa que se dará continuidade á configuración xa existente no tramo máis próximo á rúa da Estrela e se mellorarán tanto o espazo público como as infraestruturas soterradas.
A intervención conta cun investimento de 179.987,50 euros e cun prazo previsto de dous meses. Os traballos inclúen a renovación dos servizos e instalacións existentes no subsolo, con actuacións nas redes de saneamento e pluviais e nas canalizacións municipais e de telecomunicacións.
En superficie, a renovación permitirá continuar a sección do tramo xa acondicionado mediante a execución dunha plataforma única con pavimento de lousas de granito, eliminando a diferenza de cota entre calzada e beirarrúas. Desta forma, darase continuidade á solución existente na contorna da rúa da Estrela e mellorarase a accesibilidade e a mobilidade peonil en Mantelería.
"Con esta actuación completaremos a mellora dunha rúa do centro da cidade na que aínda quedaba un tramo por renovar", sinalou o concelleiro de Infraestruturas, Chero Celemín, que destacou que os traballos "darán continuidade á plataforma xa existente e permitirán actuar tamén sobre as instalacións soterradas".
A documentación técnica que serve como referencia para a intervención xa identificaba a necesidade de mellorar os pavimentos e potenciar o espazo peonil da rúa, apostando por materiais pétreos e por unha configuración máis homoxénea. No seu estado previo diferenciábanse dous sectores: o tramo pendente de renovación e o máis próximo á rúa da Estrela, xa acondicionado cunha plataforma unitaria de pavimento pétreo.
Os traballos servirán, ademais, para actuar sobre as instalacións existentes no subsolo. Renovarase a rede de saneamento e executarase a rede de recollida de augas pluviais, ao tempo que se habilitará unha canalización municipal e se deixará prevista a infraestrutura necesaria para futuras canalizacións de Telefónica.
Deste xeito, aproveitarase a renovación do pavimento para modernizar e ordenar as redes de servizos, reducindo a necesidade de realizar futuras intervencións sobre unha superficie recentemente acondicionada.
Celemín enmarcou os traballos nas actuacións de proximidade que se desenvolven nos distintos puntos da cidade, "unha liña de traballo coa que o Goberno de Inés Rey segue mellorando o espazo público e a accesibilidade nos barrios da Coruña".

8 de setembro de 2026

7 de setembro de 2026

6 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible