Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de abril de 2026

A preinscrición abrirase os días 4, 5, 6 e 7 de maio

O Concello ofrece 6.116 prazas nos campamentos municipais de verán 2026

A campaña inclúe oito modalidades e chegará a barrios de toda a cidade a través dunha rede de máis de 40 sedes: centros educativos, centros cívicos, instalacións deportivas e outros espazos municipais

O Concello da Coruña presentou unha nova edición dos campamentos municipais de verán, unha das principais ferramentas municipais para facilitar a conciliación ás familias durante o período non lectivo e ofrecer á infancia e á mocidade alternativas de lecer educativo, deporte, cultura, convivencia e contacto coa contorna.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou na presentación da oferta municipal que cando remata o curso escolar "non rematan as necesidades das familias" e subliñou que "o Goberno de Inés Rey pon recursos públicos ao servizo da vida diaria, porque conciliar é un dereito e non un privilexio".

A campaña deste ano ofrece un total de 6.116 prazas distribuídas en oito modalidades: Campacoles, con 1.080 prazas; campamentos de Fórum e Ágora, con 1.350; campamentos municipais de día, con 416; campamentos urbanos nos centros cívicos, con 2.250; campamentos tradicionais con pernocta, con 180; campamentos deportivos, con 640; campamentos de Mocidade, con 100; e a Escola de Verán da OMIC, tamén con 100 prazas.

A oferta abrangue desde nenos e nenas nados no ano 2022 ata mozos e mozas de 17 anos, con propostas adaptadas ás diferentes etapas da infancia e da adolescencia. Ademais, reservaranse 98 prazas para menores con necesidades educativas especiais ou diversidade funcional, en función das características de cada programa.

Nereida Canosa puxo en valor que a campaña "está pensada para chegar aos barrios, estar preto das familias e aproveitar a rede de equipamentos públicos da cidade". As actividades desenvolveranse en centros educativos, centros cívicos, o Ágora, o Fórum Metropolitano, instalacións deportivas municipais, o Centro Municipal de Emprego, o Polideportivo de Labañou e a Estación de Montaña de Manzaneda, no caso dos campamentos con pernocta.

Canosa sinalou tamén que "falar de conciliación é falar tamén de inclusión", e remarcou que estes campamentos son "espazos seguros, próximos e enriquecedores nos que os nenos e nenas xogan, aprenden, fan amizades e viven experiencias compartidas".

O calendario xeral establece a preinscrición os días 4, 5, 6 e 7 de maio. As listaxes provisionais publicaranse o 15 de maio, o prazo de reclamacións será os días 18 e 19, o sorteo de prazas realizarase o 21 de maio e as listaxes definitivas publicaranse o 1 de xuño. A inscrición e pagamento das persoas admitidas desenvolverase os días 2, 3, 4 e 5 de xuño, e a xestión das listas de agarda comezará a partir do 10 de xuño.

Toda a información estará dispoñible na web municipal, en coruna.gal/campamentos2026, onde as familias poderán consultar as condicións específicas de cada modalidade, idades, quendas, horarios, cotas, servizos dispoñibles e espazos de realización.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión