1 de outubro de 2026
A programación é de balde e inclúe a presentación do novo modelo municipal de xestión das colonias felinas da Coruña
O Fórum Metropolitano e o Parque Europa acollerán os días 3 e 4 de outubro relatorios sobre colonias felinas, comportamento, deporte e nutrición, ademais de exhibicións caninas
O Concello da Coruña organiza os próximos días 3 e 4 de outubro as III Xornadas URBANDOG. O encontro, realizado coa colaboración de Arión, terá como lema Convivencia responsable e benestar animal na contorna urbana e todas as actividades programadas son de balde.
"Esta nova edición de URBANDOG é unha excelente oportunidade para que as persoas propietarias de mascotas, ou as que están a pensar compartir a súa vida cun animal doméstico, obteñan información útil sobre coidados, convivencia no espazo público, lexislación e as iniciativas que leva a cabo o goberno local para que A Coruña sexa unha cidade acolledora para as mascotas e tamén na que se respecte a convivencia e o coidado do espazo público", explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.
Con iniciativas como URBANDOG, refórzase desde o goberno local a aposta polo benestar animal e pola convivencia responsable, achegando á cidadanía recursos e coñecementos que contribúan a mellorar o coidado dos animais de compañía e a súa integración nos espazos públicos da cidade.
Neste sentido, o sábado 3 de outubro técnicos municipais expondrán no Fórum Metropolitano o novo modelo de xestión das colonias felinas da Coruña. Un proxecto no que a o goberno municipal leva tempo traballando co fin de adaptar á lexislación europea e estatal o control, alimentación e benestar dos gatos ferais.
Tamén o sábado, expertos en benestar animal abordarán otras cuestións de interese: como construír un bo vínculo co can, entender mellor a súa forma de comunicarse ou aprender a interpretar a información nutricional dos alimentos. Tamén haberá un espazo dedicado aos deportes caninos e aos seus beneficios.
A xornada do sábado incluirá ademais unha mesa redonda sobre traballo diario e benestar animal, coa participación de persoal técnico municipal e da Policía Local, e rematará cun espazo aberto para que o público poida trasladar as súas preguntas aos especialistas.
Exhibicións no Parque Europa
O domingo 4 de outubro, URBANDOG sairá á rúa cunha mañá de exhibicións no Parque Europa. A cidadanía poderá descubrir en directo como traballa a Unidade Canina de Seguridade e Marcaxe da Policía Local e asistir a unha demostración de pastoreo tradicional e condución funcional, na que se poderá comprobar a comunicación e coordinación entre os cans e os seus guías.
A programación completa e os horarios pódense consultar na páxina web do Concello da Coruña.
A través de iniciativas como URBANDOG, continúase desde o Goberno de Inés Rey avanzando nas políticas municipais de benestar animal e convivencia responsable, cunha programación orientada á divulgación, á sensibilización e á promoción do coidado responsable dos animais de compañía.

11 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible