30 de setembro de 2026
As actividades, deseñadas especificamente para nenos e nenas con necesidades educativas especiais, consisten en multideporte adaptado, práctica de judo e arte terapia
O concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación presentou hoxe a programación das actividades adaptadas a nenos e nenas con necesidades educativas especiais, que se celebrarán durante este curso no CEE Nosa Señora do Rosario e darán resposta a unha necesidade expresada polos pais e nais a través das ANPA do centro, que colaborou estreitamente na elaboración deste proxecto pioneiro en Galicia e punteiro tamén a nivel nacional, que reflicte o compromiso do Goberno de Inés Rey cunha oferta educativa e adaptada ampla e que teña en conta a todo o alumnado da cidade.
"As persoas con necesidades educativas especias son únicas. Como cada un de nos. Todos temos unhas necesidades que precisamos cubrir. Dende o Concello queremos realizar actividades únicas. Adaptadas a eles. Como fan no seu colexio en horario lectivo. Actividades complementarias e de conciliación que axuden tanto aos nenos e nenas como ás propias familias", apuntou Juan Ignacio Borrego.
A organización destas actividades no propio centro escolar está orientada a facilitar a conciliación e o descanso das familias. Por iso están planificadas de luns a venres, de 15:00 a 17:00 horas. Así mesmo, Borrego tamén recordou que este é un proxecto piloto, e que tras esta experiencia o Concello poderá tomar impulso para ampliar este concepto de actividades a outros centros.
As actividades propostas son:
Multideporte adaptado. Organizada por ENKI e con 3 sesións á semana (luns, martes e venres).
Práctica de Judo. Organizada polo Club Edukajudo e con unha sesión semanal os mércores.
Arte Terapia. Organizado pola Asociación Cultural Vita Caeli para a Inclusión Social a través das Artes e que se impartirá os xoves.
En total, se beneficiarán deste novo servizo 14 menores, 4 mais dos previstos inicialmente. Case a totalidade se quedan a máis dunha actividade durante a semana. Polo tanto, o número total de prazas cubertas ascende a 53.
Non obstante, Juan Ignacio Borrego tamén lamentou que o servizo de autobús e as axudas ao transporte ofrecidos pola Xunta resultan insuficientes para garantir que máis nenos e nenas poidan participar, especialmente aqueles que viven noutros concellos e teñen que trasladarse á Coruña para poder acceder a un servizo coma este. "Estes nenos e nenas non son só da cidade da Coruña. Veñen tamén doutras localidades. E a Xunta de Galicia ten implantado o servizo de autobús ou de axuda ao transporte no colexio que resulta insuficiente para cubrir as necesidades actuais. Destinos tan próximos a esta cidade como é Arteixo non dispoñen de servizo de autobús adaptado", rematou o concelleiro.

30 de setembro de 2026

22 de setembro de 2026

15 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible