27 de xaneiro de 2026
A publicación visibiliza as traxectorias vitais dos coruñeses represaliados polo nazismo a través dun percorrido polos Stolpersteine instalados na cidade
A cidade da Coruña deu hoxe un paso máis na recuperación da memoria histórica coa presentación dunha guía centrada na historia dos coruñeses deportados aos campos de concentración nazis. A publicación, elaborada en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), recolle un percorrido polas Stolpersteine instaladas fronte ás casas natais dos once deportados, así como contexto histórico e biográfico sobre cada un deles.
O concelleiro de Cultura, Turismo e Memoria Histórica, Gonzalo Castro, subliñou que "a memoria democrática non pode limitarse a un acto simbólico; debe ser unha ferramenta activa para construír unha cidadanía crítica, consciente e comprometida". Engadiu tamén que "con este folleto recoñecemos as historias de vida das vítimas e reforzamos o papel da Coruña como cidade referente no compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación histórica".
A iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla que, nos últimos anos, vén desenvolvendo o Goberno de Inés Rey para integrar a memoria histórica nas políticas culturais, educativas e turísticas. A Coruña foi a primeira cidade galega en instalar Stolpersteine, lastras de latón que lembran os nomes e destinos dos coruñeses deportados, e que agora se recollen neste novo recurso turístico e pedagóxico.
No acto interviñeron tamén a voceira da ARMH, Carmen Rodeja; o investigador David Lozano; e familiares das vítimas, como Ángel Vázquez, sobriño de Adolfo Bregua Mouriño, e Margarita del Castillo, sobriña de Adrián del Castillo Soutelo. Todos puxeron de manifesto a importancia de manter viva a memoria das persoas que loitaron pola liberdade e sufriron o horror dos campos nazis.
Ao longo da xornada desenvolveranse outras actividades vinculadas á presentación, como a reunión informativa prevista para as 18:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, na que está confirmada a participación de familiares dos deportados e especialistas na materia. Este encontro servirá para afondar na realidade histórica das vítimas e nas accións de divulgación e recoñecemento que se veñen promovendo desde diferentes ámbitos institucionais e sociais.
A publicación do folleto complementa as múltiples liñas de traballo impulsadas pola ARMH en colaboración co Concello: exposicións itinerantes, libros biográficos, recursos dixitais e accións xudiciais internacionais. A través da web www.deportadoscoruna.com, pódese acceder a materiais que contribúen a combater o esquecemento e garantir a transmisión da memoria ás novas xeracións.
A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso cun modelo de cidade que aposta pola cultura da memoria como base da convivencia democrática, integrando o pasado na construción do seu futuro colectivo.
27 de xaneiro de 2026

27 de xaneiro de 2026

26 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible