28 de setembro de 2026
Inés Rey destaca que "A Coruña volveu demostrar que é unha cidade que participa, que propón e que quere implicarse activamente nas decisións sobre o seu futuro"
A cidadanía escolleu actuacións nos dez distritos e seis proxectos de ámbito cidade que se executarán entre 2027 e 2028
O Concello presentou hoxe as propostas seleccionadas dos Orzamentos Participativos 2026, un proceso no que a cidadanía decidiu o destino de máis de 2,5 millóns de euros en investimentos municipais. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, deu a coñecer as 32 actuacións seleccionadas pola veciñanza.
Nesta edición presentáronse un total de 436 propostas de investimento, superando as 424 rexistradas na anterior convocatoria, case un 3% de incremento. Das iniciativas recibidas, 102 foron consideradas viables tras a análise técnica, xurídica e económica realizada polos distintos servizos municipais. Finalmente, a cidadanía seleccionou 32 actuacións cun investimento total de 2.513.230 euros.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou o elevado nivel de participación alcanzado ao longo do proceso. "A Coruña volveu demostrar que é unha cidade que participa, que propón e que quere implicarse activamente nas decisións sobre o seu futuro", sinalou. Rey subliñou ademais que as propostas chegaron de todos os distritos da cidade, reflectindo unha participación "verdadeiramente territorial" e baseada no coñecemento directo das necesidades dos barrios.
As actuacións seleccionadas inclúen proxectos de mellora do espazo público, zonas verdes, accesibilidade, mobilidade, equipamento urbano, lecer, deporte e biodiversidade distribuídos polos dez distritos da cidade. Entre as iniciativas elixidas figuran actuacións no Mercado de San Agustín, novas plantacións de arborado, creación e renovación de áreas infantís, melloras en espazos públicos, novas hortas urbanas, áreas caninas, actuacións de accesibilidade e a creación de itinerarios peonís e equipamentos de uso veciñal.
Ademais, a veciñanza seleccionou seis proxectos de ámbito cidade, cun investimento conxunto de 513.500 euros. Entre eles inclúense a instalación e reposición de fontes públicas, a creación de refuxios de biodiversidade urbana, unha rede de circuítos deportivos sinalizados, a colocación de cofres con aros salvavidas ao longo do paseo marítimo e novo equipamento para os locais TEU.
A alcaldesa incidiu en que o novo modelo de Orzamentos Participativos foi deseñado para garantir que as propostas sometidas á votación veciñal fosen proxectos viables e executables. "Non queriamos que a cidadanía tivese que escoller entre ideas que despois non se puidesen materializar. Queriamos proxectos reais, avaliados e cunha estimación económica o máis axustada posible á súa execución", explicou.
O seguinte paso será a aprobación dos resultados nos órganos municipais correspondentes. A previsión é elevar a proposta á Xunta de Goberno Local na primeira sesión ordinaria de outubro, continuar a súa tramitación na Comisión Informativa de Economía e, posteriormente, levala ao pleno municipal. Unha vez completado este procedemento, os proxectos iniciarán a súa fase de desenvolvemento e execución durante os anos 2027 e 2028.
Rey agradeceu a implicación da cidadanía durante todo o proceso e salientou que os Orzamentos Participativos permiten construír cidade desde os barrios e desde as necesidades cotiás da veciñanza. "Participar non é só decidir entre distintas propostas. Participar é corresponsabilizarse coa cidade, pensar no espazo que compartimos e contribuír a melloralo", concluíu a alcaldesa.
Proxectos seleccionados e orzamento
Distrito 1: Cidade Vella - Pescaría
Distrito 2: Monte Alto
Distrito 3: Ensanche - Catro Camiños
Distrito 4: Os Mallos - Sagrada Familia
Distrito 5: Riazor - Labañou - Os Rosales
Distrito 6: Agra do Orzán
Distrito 7: Os Castros - Elviña
Distrito 8: Eirís - As Xuvias - Xuxán - Palavea
Distrito 9: Mesoiro - Castro de Elviña
Distrito 10: Agrela - Bens
Toda a cidade
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible