21 de setembro de 2026
A publicación, obra de Manel Cráneo en colaboración con Coruña Cociña, recolle receitas da gastronomía coruñesa a través de historias ilustradas ambientadas na cidade
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe na Fundación Luis Seoane o cómic 'Sabor Coruño. Receitas da nosa cociña en viñetas', unha publicación impulsada pola asociación Coruña Cociña e o Concello da Coruña e creada polo autor coruñés Manel Cráneo, que propón un percorrido pola gastronomía local a través da banda deseñada.
A obra combina dous ámbitos estreitamente ligados á identidade da cidade, como son a gastronomía e a creación cultural para ofrecer unha visión singular da cociña coruñesa. O libro reúne receitas elaboradas por profesionais de distintos restaurantes integrados en Coruña Cociña, acompañadas de pequenas historias ilustradas que poñen en valor o produto local, os mercados, os oficios vinculados á hostalaría e a propia esencia da cidade.
Durante a presentación, o concelleiro destacou que se trata dun proxecto que demostra "a capacidade da cultura para conectar coa cidadanía desde linguaxes innovadoras e accesibles". Ademais, salientou "a importancia de iniciativas que contribúen a divulgar e preservar o patrimonio gastronómico coruñés, auténtico sinal de identidade da cidade, ao tempo que impulsan a creación artística local".
'Sabor Coruño' vai máis alá dun receitario convencional. A publicación constrúe un relato colectivo arredor da cultura gastronómica da Coruña, convertendo cada receita nunha historia que achega ao público os produtos da ría, os sabores tradicionais, a memoria culinaria da cidade e o traballo das persoas que forman parte do seu sector hostaleiro.
Coruña Cociña, colectivo integrado por profesionais da restauración da cidade, mantén desde hai anos un firme compromiso coa promoción do produto de proximidade e coa difusión da cultura gastronómica local. Este proxecto supón un novo paso nese labor de divulgación, empregando a banda deseñada como ferramenta para achegar a gastronomía a novos públicos. Pola súa banda, Manel Cráneo aposta nesta obra por combinar diferentes rexistros narrativos e estilos gráficos para acompañar cada receita, cunha proposta marcada polo humor, a creatividade e a divulgación cultural.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno de Inés Rey por fortalecer os vínculos entre cultura, turismo e economía local, apoiando proxectos que contribúen a difundir a identidade coruñesa desde perspectivas innovadoras. Neste sentido, o concelleiro lembrou que "a gastronomía é un dos grandes elementos diferenciais da Coruña e un dos mellores escaparates para proxectar a cidade cara ao exterior, cunha oferta vangardista que parte da tradición", ao tempo que salientou a importancia de impulsar propostas que conecten o talento creativo local coa promoción dos sectores estratéxicos da cidade, destacando "o cómic como instrumento de transformación e de acceso á cultura".
O cómic poderá conseguirse nos diferentes restaurantes que integran a asociación Coruña Cociña a partir desta semana.
17 de setembro de 2026

9 de setembro de 2026

1 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible