Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de setembro de 2026

O orzamento municipal recolle este ano máis de 460.000 euros en convenios con entidades do ámbito da discapacidade

O Concello reafirma o seu compromiso coa inclusión na presentación da XIII Carreira ENKI

Canosa reivindicou o legado de Javier Romañach e lembrou que “é o mundo o que ten que cambiar”

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou hoxe na presentación da décimo terceira edición da Carreira ENKI, que se celebrará o vindeiro 17 de outubro na explanada do Parrote. Canosa estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, responsable da área municipal que apoia a organización da proba mediante un convenio nominativo.

A presentación reuniu representantes institucionais, entidades sociais, persoas voluntarias e empresas colaboradoras arredor da campaña desta edición, baixo o lema "Moito por correr". Canosa trasladou o saúdo da alcaldesa, Inés Rey, e o agradecemento do Goberno municipal á Fundación Abrente ENKI e a todas as persoas que colaboran cada ano na organización da carreira.

"Esta explanada é, cada mes de outubro, o lugar onde A Coruña se ve a si mesma como quere ser: diversa, alegre e sen barreiras", sinalou a concelleira, que destacou a capacidade da ENKI para converter o deporte e o espazo público nun lugar de encontro aberto a toda a cidadanía.

Canosa vinculou o lema desta edición coas barreiras que aínda atopan moitas persoas á hora de participar nunha actividade, acceder a un espazo ou utilizar un servizo. "A inclusión faise real cando ninguén ten que preguntar se poderá chegar, comunicarse ou participar en igualdade", apuntou.

Durante a súa intervención, a concelleira lembrou tamén a figura de Javier Romañach, enxeñeiro e activista do Movemento de Vida Independente que, xunto con Manuel Lobato, propuxo o concepto de diversidade funcional. Canosa reivindicou unha das ideas que marcaron o seu pensamento: "É o mundo o que ten que cambiar".

Máis de 460.000 euros en convenios con entidades

O Goberno de Inés Rey mantén a súa colaboración co tecido asociativo que traballa coas persoas con discapacidade e coas súas familias. O orzamento municipal de 2026 recolle máis de 460.000 euros en convenios con entidades deste ámbito para financiar, entre outros, servizos de respiro familiar, formación para o emprego e programas de autonomía persoal e de tránsito á vida adulta.

"Queda traballo por facer en accesibilidade, autonomía persoal e participación. As administracións debemos facelo coas persoas con discapacidade, contando coa súa voz e respectando o seu dereito a decidir sobre a súa propia vida", indicou Canosa.

A décimo terceira Carreira ENKI celebrarase o sábado 17 de outubro no Parrote. Será unha proba non competitiva e aberta a persoas de todas as idades e condicións, cun percorrido pensado para facilitar a participación.

"Queda moito por correr, si. E imos seguir correndo ata que ninguén teña que preguntar se pode participar", concluíu a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión