23 de xaneiro de 2026
É un paso seguindo a folla de ruta do Plan de ordenación das concesións municipais
O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de ordenación das concesións municipais, que agora dá un paso máis coa declaración de caducidade da concesión administrativa que se adxudicou a inicios dos anos noventa á empresa Aparcamientos REO, que ostenta a xestión de catro aparcadoiros municipais: María Pita, Mestre Mateo, San Cristovo e praza de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que a Xunta de Goberno Local deu luz verde a esta medida tras constatarse incumprimentos graves e continuados no tempo na explotación dos ditos aparcadoiros.
En base aos informes municipais, REO incumpriu obrigas esenciais na xestión destes catro aparcadoiros. Así o reflicten, ademais, as alegacións presentadas pola empresa, sinalando, por exemplo, que foron as comunidades de cesionarios as que viñeron aboando o canon desde hai vinte anos, tamén realizando as reparacións esixidas polo Concello.
Rey apuntou que "constan escritos xa desde hai anos, con queixas emitidas polas propias comunidades de usuarios. Un caso concreto: a comunidade de usuarios do aparcadoiro de María Pita remitiu queixas no 2014 e o 2016 solicitando a caducidade da concesión polos incumprimentos de REO", que nos anos noventa obtivo estes catro aparcadoiros en réxime de concesión ata finais do 2036.
"Se no pasado houbo gobernos municipais que non actuaron como entendemos que era preciso facer, a nosa postura con isto é firme: esixir ás concesionarias que cumpran cos contratos formalizados. Se non o fan, faremos uso de todas as ferramentas xurídicas que estean na nosa man para revertir a situación e recuperar as concesións", dixo a rexedora.
A aprobación en Xunta de Goberno da declaración de caducidade da concesión aparella, en paralelo, a solicitude do ditame preceptivo ao Consello Consultivo de Galicia. A intención do Goberno municipal é poder licitar de novo o antes posible ditas concesións.

23 de xaneiro de 2026

4 de novembro de 2025

28 de xullo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible