19 de setembro de 2026
A convocatoria municipal beneficiará a 117 clubs e entidades deportivas da cidade, con 50.000 euros máis que na edición anterior
O Concello da Coruña destinará este ano 450.000 euros ao apoio da actividade das entidades deportivas sen ánimo de lucro da cidade, o que supón un incremento de 50.000 euros respecto á anterior convocatoria. A resolución definitiva distribúe a totalidade dos fondos entre as tres liñas de axuda previstas e permitirá apoiar o traballo de 117 entidades deportivas coruñesas.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este aumento orzamentario "reafirma o compromiso do Goberno municipal co deporte como unha ferramenta de benestar, inclusión, educación e proxección para a nosa cidade". "Detrás de cada club, de cada escola deportiva e de cada competición hai persoas que fan posible que A Coruña sexa unha cidade cada vez máis activa, saudable e cohesionada", sinalou.
A primeira das liñas da convocatoria, dotada con 150.000 euros, está destinada ao fomento da actividade deportiva federada, ás escolas deportivas e aos proxectos de promoción da práctica física ao longo de todo o ano. Entre as iniciativas beneficiarias figuran competicións de fútbol, baloncesto, hóckey, natación, tríatlon, xadrez, judo, taekwondo ou actividades subacuáticas, ademais de proxectos inclusivos como as escolas de fútbol para persoas con diversidade funcional da Fundación RC Deportivo, a formación de pádel para persoas xordas ou programas de judo e psicomotricidade adaptada.
A segunda liña, dotada con 250.000 euros, permitirá a celebración de eventos xa plenamente consolidados dentro do calendario deportivo coruñés. Entre eles atópanse a LXXXV Travesía á Enseada de San Amaro, a LIV Travesía a Nado ao Dique Barrié de la Maza, o Rallye Rías Altas Histórico, a carreira San Silvestre, o Trofeo Cidade da Coruña de salto de obstáculos, o Ecorallye A Coruña, o Torneo Waterpolo Cidade da Coruña ou a Semana de Vela Cidade da Coruña. A convocatoria tamén apoia novas propostas e campionatos autonómicos e estatais que reforzan a condición da cidade como sede destacada de grandes eventos deportivos.
A terceira liña, cunha contía de 50.000 euros, está dirixida ás competicións que non poden planificarse ao inicio da tempada e que son consecuencia dos bos resultados acadados polos clubs ao longo do ano. Por este motivo contou cun prazo específico e posterior de solicitude. Esta liña financia, entre outras participacións, a promoción de ascenso á Segunda RFEF Nacional Feminina do Victoria CF, a Final 8 da Champions League de hóckey a patíns do Hockey Club Liceo, os sectores nacionais de hóckey sala, as fases de ascenso á Liga Galega de baloncesto e diversos Campionatos de España de categorías base. "Queremos que ningún bo resultado deportivo se converta nunha dificultade económica para os clubs e as familias. Esta liña permítenos acompañar ás entidades que alcanzan fases decisivas das competicións e que representan á Coruña en eventos do máximo nivel", subliñou Inés Rey.
Con esta convocatoria, o Concello completa un investimento de 450.000 euros destinado a soster o deporte de base, a actividade federada, os proxectos inclusivos e a organización de eventos que dinamizan a cidade e proxectan A Coruña dentro e fóra de Galicia.
17 de setembro de 2026

17 de setembro de 2026

15 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible