20 de xuño de 2026
Na noite do domingo ao luns retirarase o van central da estrutura. En paralelo, avanzan os traballos de renovación da pasarela orixinal, xa reaberta parcialmente
Esta fin de semana, o Concello completará a desmontaxe da pasarela provisional entre estacións habilitada nestes primeiros meses de ano sobre Alfonso Molina, cando se iniciaron as tarefas para renovar de forma integral a pasarela orixinal que conecta a rúa Caballeros coa rolda das Estacións.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe da próxima retirada do van central da pasarela provisional, actuación prevista na noite deste domingo 21 ao luns 22. Dada a complexidade desta tarefa, será preciso efectuar un corte de tráfico en horario nocturno neste sector de Alfonso Molina, mais habilitaranse desvíos para saír e volver a acceder á avenida a través dos ramais próximos.
Este paso dáse en paralelo aos avances nos traballos para concluír a rehabilitación da antiga pasarela, sometida a un importante plan de melloras executado en taller neste primeiro semestre do ano, co obxectivo de repoñela na súa localización previa xa saneada e adaptada para reforzar a seguridade peonil ao longo do seu percorrido.
A pasarela orixinal reabriuse parcialmente a inicios de xuño e, agora, o Concello intensifica os traballos para, nas vindeiras semanas, habilitala na súa totalidade.
Noemí Díaz explicou que a intervención para renovar a pasarela era unha medida sensible ao tratarse dun percorrido peonil por onde pasan milleiros de persoas a diario, que conecta a estación de bus e a intermodal, mais tamén os barrios de Catro Camiños e Os Mallos no seu conxunto. "Pola pasarela pasan milleiros de persoas a diario. Era fundamental manter ininterrompido o tránsito a pé sobre a avenida. É un aspecto que sempre tivemos claro e por iso optamos por executar esta actuación indo fase a fase, de forma gradual: primeiro, habilitando a pasarela provisional para, posteriormente, poder trasladar a estrutura orixinal para renovala. Agora, estamos a piques de completar o proceso na súa totalidade", indicou a concelleira.
A actuación que está a executar o Concello supón un investimento de case un millón de euros, que tamén permitirá mellorar a accesibilidade da pasarela orixinal con respecto á súa configuración previa.

10 de xuño de 2026

1 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible