2 de abril de 2025
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou esta tarde na Fnac no acto institucional previo á gala final da XXIII edición do certame
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou esta tarde no acto institucional do XXIII Festival Intercentros, celebrado na Fnac da Coruña como antesala da gran gala que terá lugar este venres 4 de abril, ás 19.00 h, no Coliseum. No encontro participaron tamén estudantes dos centros educativos implicados, docentes, membros da organización e representantes das entidades beneficiarias desta edición.
Borrego destacou "o orgullo que supón para o Concello da Coruña apoiar un evento que combina talento artístico e compromiso social, reunindo a milleiros de persoas arredor da solidariedade e a cultura". O edil agradeceu tamén o traballo das entidades organizadoras, do profesorado e de toda a comunidade educativa implicada "nun certame que non deixa de medrar ano tras ano".
O Festival Intercentros 2025 reunirá nesta edición a 32 centros e entidades da cidade, incluíndo dúas novas incorporacións, unha delas dun centro público, acadando así un novo récord de participación. A gala do venres ofrecerá 43 actuacións de música e danza a beneficio de tres organizacións solidarias: ABAC, Selvas Amazónicas e o Banco de Alimentos Rías Altas.
Un dos momentos máis esperados será a actuación especial de Habló Pablo, o recoñecido artista urbano que participará de maneira altruísta, achegando unha mensaxe de positividade e enerxía dirixida á mocidade.
Esta XXIII edición comezou o pasado 15 de febreiro cunha gala no colexio Dominicos, e culminará no Coliseum cun evento aberto ao público, no que se prevé unha alta asistencia e unha vez máis, un ambiente festivo e solidario.
O Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co tecido educativo e cultural da cidade, no marco das políticas impulsadas polo Goberno que encabeza Inés Rey, apoiando iniciativas como Intercentros, que "amosan o mellor da nosa mocidade e fortalecen os valores da cooperación, o respecto e a igualdade", salientou o concelleiro Borrego.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible