Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de outubro de 2023

O Fórum Metropolitano acolle desde esta semana un novo ciclo de cinema en versión orixinal que recompila grandes obras do canadiense Xavier Dolan

En paralelo, e concretamente na sala Fernando Rey, comezará un ciclo de cinema latinoamericano que inclúe longametraxes como a arxentina ‘El suplente’, nominada á Concha de Ouro no Donostia Zinemaldia 2022

O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, promove este mes dous novos ciclos de cinema no Fórum Metropolitano, con proxeccións semanais en versión orixinal subtitulada nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe. Esta iniciativa forma parte da ampla programación cultural deseñada polo Goberno de Inés Rey para a tempada de outono.

O primeiro dos ciclos, que se levará a cabo de forma específica na sala Marilyn Monroe, está centrado na filmografía do cineasta canadiense Xavier Dolan. A programación inclúe as proxeccións das longametraxes 'Tom á la ferme' (2013), 'Juste la fin du monde' (2016) e 'Matthias & Maxime' (2019).

En paralelo, na sala Fernando Rey, terá lugar 'A outra beira', un ciclo que recolle varios títulos do cinema latinoamericano do último lustro. As proxeccións comezarán esta semana coa longametraxe arxentina 'El suplente' (2022), de Diego Lerman. Deseguido, o ciclo continuará seguida pola guatemalteca 'Cadejo blanco' (2021), de Justin Lerner, a arxentina 'Paula' (2022), de Florencia Wehbe, e, xa finalmente, a mexicana 'El ombligo de Guie'dani' (2018), de Xavier Sala.

A programación desta semana

Esta semana, entre o xoves 5, venres 6 e sábado 7, proxectaranse as películas 'Tom à la ferme', na sala Marilyn Monroe, e 'El suplente', na sala Fernando Rey.

A primeira, dirixida por Xavier Dolan, estivo porposta ao León de Ouro na categoría de Mellor Película no 70º Festival de Venecia do ano 2013, cando foi premiada polo xurado da crítica internacional. A longametraxe, un drama no que Dolan é un dos protagonistas, céntrase na figura de Tom, un mozo publicitario que asiste ao funeral do seu noivo, falecido nun accidente de tráfico. Nunha granxa illada atópase por primeira vez coa nai do seu amado. Ela non o coñece, nin sabe que clase de relación mantivo Tom co seu fillo. Tom descubrirá entón que o seu mozo estivera namorado dunha muller chamada Sarah.

'El suplente', do arxentino Diego Lerman, tamén se encadra no xénero do drama. Lucio, mestre da carreira de Letras na prestixiosa Universidade de Bos Aires, non atopa motivación na súa vida académica. Busca, así, levar o seu coñecemento alí onda el poda marcar a diferenza, e por iso comeza a ensinar literatura nun barrio periférico das áreas marxinais bonaerenses. Alí, deberá sacar todo o seu inxenio e cruzar todo tipo de límites morais e prexuízos sociais para salvar a Dylan, o seu alumno favorito, perseguido por un grupo de narcotraficantes.

Renata Lerman, unha das actrices da película, gañou o premio á Mellor Interpretación de Reparto no Donostia Zinemaldia do ano 2022. Ademais, 'El suplente', estivo proposta á Concha de Ouro na categoría de Mellor Película.

As entradas, xa á venda

A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases xa están dispoñibles no despacho de billetes do IMCE da praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. 

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros. 

O calendario completo do mes de outubro, semana a semana

Semana do 5, 6 e 7 de outubro

  • Sala Marilyn Monroe: 'Tom à la ferme'.
  • Sala Fernando Rey: 'El suplente'.

Semana do 12, 13 e 14 de outubro

  • Sala Marilyn Monroe: 'Juste la fin du monde'.
  • Sala Fernando Rey: 'Cadejo blanco'.

Semana do 19, 20 e 21 de outubro

  • Sala Marilyn Monroe: 'Matthias & Maxime'.
  • Sala Fernando Rey: 'Paula'.

Semana do 27, 28 e 29 de outubro

  • Sala Fernando Rey: 'El ombligo de Guie'dani'.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión