26 de febreiro de 2016
A medida, de carácter provisional, tomouse hoxe de forma inmediata “para evitar prexuízos irreparables”, tras recibirse por Rexistro unha solicitude de anulación da proba
A Concellería de Facenda e Administración, que ten conferido o Servizo de Persoal, resolveu no día de hoxe paralizar de xeito inmediato o proceso de selección de oito prazas de oficial da Policía Local tras constatar unha irregularidade no exame tipo test. A resolución deriva dun escrito remitido no día de hoxe ao Rexistro Municipal, no que se alertaba dunha grave irregularidade, como é a aparición de marcas na resposta correcta de 13 das 120 preguntas do exame escrito destas probas no documento entregado ás persoas opositoras. Nel solicitábase a anulación da proba e a apertura dunha investigación das causas, “a efectos de evitar que se repitan e depurar as responsabilidades oportunas”.
Tras comprobarse a irregularidade polo órgano municipal competente, a concellería adoptou a paralización das actuacións do proceso selectivo como medida “provisionalísima, dirixida a evitar prexuízos irreparables” e resolveu depositar a documentación referida ao proceso de selección na Secretaría do Concello, en espera de que se tomen as decisións oportunas, e ordenou á secretaria do tribunal xulgador do proceso selectivo a entrega desta documentación en sobre pechado, acompañado dunha dilixencia na que se fai constar a data e a hora da entrega. A resolución da Concellería de Facenda e Administración inclúe tamén unha convocatoria urxente aos membros do tribunal para o vindeiro luns, a efectos de adoptar as medidas que procedan.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible