Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de febreiro de 2019

O Consorcio de Turismo abre hoxe o prazo de inscrición nas actividades paralelas, que inclúen unha degustación gratuíta de filloas e orellas no mercado municipal da praza de Lugo o 2 de marzo

O goberno local presenta a nova edición das xornadas 'Lacónicas', "unha cita consolidada no calendario coruñés e que pon en valor o menú por excelencia do Entroido"

Alberto Lema deu a coñecer as IV Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, que se celebrarán do 25 de febreiro ao 10 de marzo e nas que 32 establecementos de hostalería ofrecerán propostas tradicionais

O concelleiro de Emprego e Economía Social,  Alberto Lema, presentou esta mañá a cuarta edición de Lacónicas, as Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, que se celebrarán entre o 25 de febreiro e o 10 de marzo. A iniciativa, tal e como apuntou o responsable do Consorcio de Turismo, "pretende poñer en valor o menú de inverno por excelencia en Galicia e tamén na Coruña, e no que destaca a presenza do lacón con grelos". Ao longo de dúas semanas, a cidadanía poderá degustar diversas propostas de menús tradicionais en 32 establecementos de hostalería da cidade. O primeiro prato será unha sopa ou similar, o segundo unha laconada e a sobremesa conterá filloas e/ou orellas, todo elo maridado con bebidas ou  viños de bodegas con denominación de orixe galega. "Lacónicas é xa unha cita asentada no calendario gastronómico local, e que está asociada directamente á celebración do Entroido", indicou o concelleiro, quen sinalou a iniciativa como un dos fitos que inciden na desestacionalización da oferta turística e que se vincula, precisamente, a unha das súas liñas principais de promoción, como é a gastronomía.

A xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, sinalou durante a presentación que este ano a cita contará con novos establecementos participantes e outros que manteñen a súa continuidade. "Agardamos que este ano igualen ou melloren o número de racións que se venderon o ano pasado, que superaron as 5.800 unidades", manifestou. Así, as xornadas contarán coa participación dos seguintes locais: A Peixería, A Taberna de Cunqueiro, Abica, Asador Coruña, Bodeguilla Padre Feijoo, Calma Chicha, Casa Benito, Casa Martín, Central Park, El Local 20, EME Taberna Contemporánea, Entre Bateas, Entre 2 Mucho Mejor, Galiur, Gastroteca, La Pérgola de Oído Cocina, La Taberna del Arriero,  Lola & Cía, Mahara Taberna Rock, Meliá María Pita, Mesón O'Bó, O Fieital, Restaurante A La Brasa, Restaurante Boavista, Comer y Picar, Restaurante Domus, La Marola - Hotel Zenit, Restaurante Manolito, Restaurante Manolito Mesón, Restaurante Morriña, Restaurante Noray e Vinoteca Cosecha 81. Cada establecemento ofrecerá o seu propio menú, que poderá oscilar entre os 16 e os 30 euros.

Actividades paralelas

Ademais da degustación dos menús de lacón con grelos, Lacónicas propón, como é habitual, unha serie de actividades paralelas gratuítas e para todos os públicos. Así, o sábado 2 de marzo, o mercado municipal da praza de Lugo acollerá dous obradoiros infantís de cociña --un de 10.30 a 12.00 horas, e outro de 12.30 a 14.00 horas, con 15 prazas cada un--, no que as e os participantes, de entre 5 e 10 anos, deberán levar disfrace. Neste taller as e os asistentes coñecerán os ingredientes da laconada e, de seguido, realizarán distintas preparacións. Para poder participar nos obradoiros é imprescindible realizar a inscrición previa a través do correo electrónico xornadaslaconicas@gmail.com. Na mesma mañá, ademais, no propio mercado realizarase unha degustación gratuíta de filloas e orellas, entre as 11.30 e as 13.30 horas, que estará amenizada desde as 12.00 pola comparsa Monte Alto a 100-

Na seguinte fin de semana, o sábado 9 de marzo, entre as 12.00 e as 13.30 o cociñeiro Gorka Rodríguez, da Pulpeira de Melide, ofrecerá un showcooking con degustación nomeado Laconadas LAB19. Este taller conta con 20 prazas e o brazo de inscrición está aberto desde hoxe mesmo a través do correo electrónico xornadaslaconicas@gmail.com

Para máis información sobre estas xornadas e outras propostas do Consorcio de Turismo da Coruña, pódese visitar a páxina web www.turismocoruna.com.  

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión