5 de marzo de 2025
A Comisión de Honras aprobará tamén o nomeamento de Ramón Núñez Centella como Fillo Predilecto da Coruña
O Goberno municipal proporá na próxima Comisión de Honras o nomeamento de Rosa Otero como Filla Adoptiva da cidade.
"Quedan moi poucos días para a conmemoración do 8-M. Volveremos a saír á rúa para seguir a reivindicar a visibilización das mulleres en todos os ámbitos, e cómpre facelo lembrando a figuras que foron e seguen a ser un referente neste sentido porque persoas como Rosa Otero son un exemplo de valentía na loita dos dereitos das mulleres, especialmente das máis humildes", indicou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
"Rosa nunca esqueceu as súas orixes e nós nunca esqueceremos o seu exemplo, comprometida sempre con amosar o esforzo, a miúdo anónimo, das amas de casa, mulleres ás que non se lles recoñeceu o seu papel fundamental á hora de sacaren adiante a súa familia e os seus fogares", apuntou a rexedora.
A proposta irá á comisión á semana que vén para a súa aprobación, que deberá refrendar despois o pleno municipal. "Rosa Otero é historia da Coruña e así llo queremos recoñecer", xustificou a alcaldesa.
Rosa Otero Raña naceu en Santiago en 1940 e desenvolveu unha intensa vida no ámbito social. Presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, é tamén a presidenta da Asociación Antidroga Antonio Noche, desde a que leva moitos anos actuando para loitar contra a lacra da drogadicción.
Ademais, na mesma Comisión de Honras está disposto que se aprobe, tal e como estaba previsto, o nomeamento de Ramón Núñez Centella como Fillo Predilecto. Nacido na Coruña en 1946, Núñez Centella foi o gran impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, un modelo que hoxe segue plenamente vixente e que converteu A Coruña nun referente na divulgación científica recoñecido internacionalmente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible