21 de xaneiro de 2026
O Concello está a traballar na organización de servizos de cara á XVIII edición da carreira, que terá lugar o domingo 1 de marzo e aparellará, ademais, unha 5K, proba complementaria de menor percorrido
A Coruña xa quenta motores de cara á realización da XVIII edición do medio maratón C21, que volverá ás rúas da cidade o domingo 1 de marzo e que, a practicamente mes e medio da cita, conta xa con máis de 2.000 persoas inscritas, unha das cifras máis elevadas no histórico anual da competición.
Cada día máis preto de acadar os 2.500 dorsais fixados como obxectivo, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o bo ritmo de inscricións rexistrado nas últimas semanas. Ademais, puxo en valor o prestixio da proba, incluída recentemente no Global Calendar de World Athletics, órgano de goberno do atletismo a escala mundial.
"Isto supón un recoñecemento importante á C21 e, en consecuencia, á nosa cidade", expresou o edil, que fixo fincapé no traballo de fondo que hai para situar A Coruña no mapa internacional das carreiras. "Hai moitísimo movemento en clave de asociacións e clubs deportivos, e tamén vemos como desde o Goberno de Inés Rey se están a transformar os espazos públicos ao aire libre, como o paseo marítimo, para dotalos de infraestruturas como os carrís específicos para as persoas corredoras", indicou Vázquez.
Unha 5K como carreira complementaria ao medio maratón
Coa vista posta xa no 1 de marzo, o Concello está a traballar estes días na organización xeral de cara á xornada, na que como xa é habitual se disporán servizos de duchas, gardarroupa e WC portátiles, información da que se dará conta nas vindeiras semanas.
Como xa se notificou tempo atrás, o medio maratón sairá ás 9.30 horas da avenida de Montoto, a carón de Porta Real. Será cinco minutos despois, ás 9.35, cando se dará o pistoletazo de saída á proba da 5K, un percorrido de cinco quilómetros que complementa a carreira de longa distancia.
A 5K conta cunha distancia semellante á das carreiras populares do circuíto Coruña Corre, "e na que non só participan atletas en busca de marcas, senón que nalgúns casos tamén supón un punto de partida para moitas persoas que están a buscar o salto posterior aos dez quilómetros da C10", indicou Manuel Vázquez.
Actualmente, son máis de 900 persoas as que están inscritas especificamente na 5K. Desta forma, e sumando as inscricións da C21 e a 5K, son case 3.000 persoas anotadas na xornada deportiva do 1 de marzo.
Cómpre lembrar que a inscrición a prezo bonificado manterase ata o día 8 de febreiro, e que o prazo xeral para inscribirse na C21 ou a 5K rematará o día 22 do mesmo mes.

14 de xaneiro de 2026

12 de xaneiro de 2026

26 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible