6 de xullo de 2017
A proposta, incluída na convocatoria municipal Cultura de Barrio, engloba actividades lúdicas para todas as idades
O Monte de San Pedro acollerá este domingo, 9 de xullo, A Romaría, unha iniciativa da Asociación Cultural Vibra que forma parte do plan municipal de apoio a asociacións e entidades culturais da cidade Cultura de barrio, promovido neste 2017 pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento para apoiar proxectos socioculturais de asociacións e colectivos da cidade e contribuír a deseñar a programación cultural nos distintos barrios e espazos da cidade. A Romaría ten como obxectivo recuperar a cultura das romarías tradicionais, e mesturar a gastronomía de produtos de proximidade coa historia e a música da xente do lugar. Así, durante toda a xornada, realizaranse numerosas actividades gratuítas e dirixidas a públicos de todas as idades, que inclúen xantar popular, charlas, historia, xogos infantís, foliada e concertos.
O evento comezará ás 14.00 horas cun xantar popular e gratuíto, consistente en dúas paellas feitas con produtos de proximidade --da Cooperativa Millo e Landras da Coruña--. Ás 17.00 haberá unha sobremesa sobre a historia dos barrios da Coruña coa veciñanza. A continuación, ás 18.30horas, terá lugar unha palestra co historiador Eliseo Fernández, que falará da Fuxida do Portiño --feito histórico ocorrido nesta zona durante a Guerra Civil--, á vez que se desenvolverán unha serie de xogos educativos e monicreques do colectivo Katiuskas. Contra ás 19.30 horas, haberá unha intervención teatral e performance a cargo de Lia Pichel e a xornada rematará cunha foliada popular coa Asociación Cultural Son d'aquí, a partir das 20.00 horas, e os concertos de Aida Saada Tribal, Ponxa Intenso e Chotokoeu, que comezarán desde as 21.00 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible