Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de setembro de 2023

O Museo Arqueolóxico de San Antón conmemorará o 55º aniversario da súa inauguración cunha xornada de portas abertas o sábado 7 de outubro

O mércores 27 de setembro abre o prazo de inscrición para participar nos percorridos guiados e os obradoiros divulgativos previstos na xornada, que achegarán as persoas asistentes á numismática e á arquitectura

O Concello da Coruña, a través da Área municipal de Fomento e Promoción da Cidade, promoverá o vindeiro sábado 7 de outubro unha xornada de portas abertas no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, con motivo do 55º aniversario da súa inauguración.

Entre as 10.00 e as 00.00 horas, as instalacións do museo estarán abertas ao público de xeito gratuíto Ademais, en paralelo, tamén está prevista unha ampla oferta de actividades culturais para todos os públicos.

En primeiro lugar, unha serie de percorridos guiados polo Castelo de San Antón, que achegarán as persoas asistentes ás diversas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico. Disporanse tres quendas, orientadas ao público adulto: ás 12.00, 18.00 e 22.00 horas, con percorridos cunha duración de hora e cuarto. A oferta será de 25 prazas por quenda.

Por outra banda, tamén se ofertarán tres obradoiros divulgativos. Dous deles serán específicos para o público infantil en idade de 6 a 12 anos, e outro está enfocado á participación do público adulto. Son os seguintes:

  • Mans á obra (Sábado 7 de outubro, ás 11.45 horas; 20 prazas): Obradoiro infantil que mergullará os máis pequenos no mundo da arquitectura defensiva grazas ao coñecemento do Castelo de San Antón como fortificación descubrindo as súas características a través de elementos representativos como os baluartes.
  • NumisLAB (Sábado 7 de outubro, ás 17.00 horas; 20 prazas): Obradoiro infantil no que a rapazada se achegará ao mundo das moedas para descubrir as súas orixes, así como as técnicas de fabricación no mundo romano. As nenas e nenos participantes porán a proba a súa creatividade deseñando a súa propia moeda, que poderán levar a casa.
  • Gabinete Arqueolóxico (Sábado 7 de outubro, ás 19.30 horas; 15 prazas): Obradoiro para adultos, no que as persoas participantes poderán achegarse ao delicado traballo que desempeñan as e os profesionais dos sectores da arqueoloxía e a museoloxía, descubrindo os procesos de mantemento e conservación necesarios para coidar os obxectos e achados das escavacións, antes de chegar ás vitrinas dos museos. 

Como inscribirse nos percorridos guiados e os talleres divulgativos

Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición, ata completarse a capacidade prevista.

As solicitudes poderán tramitarse a partir deste mércores 27 de setembro, a través do teléfono 981 189 850 (habilitado en horario de 10.00 a 19.30 horas).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión