10 de xullo de 2026
O Concello ultima os preparativos para renovar o firme nunha superficie de 3.000 metros cadrados. Os traballos, que tamén incluirán medidas para reforzar a seguridade viaria, comezarán entre o domingo e o luns
Nos vindeiros días, o Concello dará un pulo ao plan integral de melloras nas calzadas municipais, con novas actuacións entre a praza de Pontevedra e Juan Flórez, onde está previsto renovar o firme e, de paso, adecuar a sinalización na contorna para reforzar a seguridade viaria.
Os traballos, que se levarán a cabo en horario nocturno, comezarán na noite do domingo 12 ao luns 13. Tras estudar as posibilidades existentes, e atendendo ao intenso fluxo de circulación que hai polo día, os servizos municipais optaron por executar o asfaltado en horas nas que o impacto sobre a mobilidade sexa sensiblemente menor.
Os traballos no firme levaranse a cabo sobre unha superficie de aproximadamente 3.000 metros cadrados, comprendida entre o acceso da avenida de Fisterra á praza de Pontevedra, a saída do aparcadoiro subterráneo e a primeira fase de Juan Flórez, ata o cruzamento coa rúa Médico Rodríguez.
O asfaltado en Juan Flórez chega tras varios meses de intervencións en múltiples puntos da cidade, como o paseo marítimo (San Roque e o treito que vai da Torre ao Aquarium), a rúa Posse e a rotonda da avenida do Exército, a estrada da canceira de Bens, o treito entre Casablanca e a avenida da Pasaxe e tamén o Camiño do Pinar, na Agra do Orzán.
Melloras na sinalización para facer máis sinxela a circulación no inicio de Juan Flórez
O asfaltado que se executará no inicio de Juan Flórez tamén aparellará melloras en materia de mobilidade. Concretamente, na sinalización dos carrís de acceso existentes desde a avenida de Fisterra e a rúa Francisco Mariño, en sentido de incorporación a Juan Flórez.
Neste punto, e pola coincidencia de vehículos que acceden a Juan Flórez desde a praza de Pontevedra, o aparcadoiro subterráneo e Francisco Mariño, é máis frecuente a conxestión do tráfico rodado nun punto onde, ademais, hai unha parada clave no transporte urbano polo Ensanche. Ademais, tamén se trata dun treito onde se rexistran numerosas maniobras de incorporación a Médico Rodríguez. Por iso, o Concello ten previsto mellorar a sinalización horizontal e vertical aproveitando as obras sobre a calzada, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e facer máis sinxela a circulación nesta parte da cidade.

20 de xuño de 2026

10 de xuño de 2026

1 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible