5 de marzo de 2016
A concelleira María García, salienta a “boa acollida” entre a veciñanza dunha iniciativa que “potencia a recollida sostible e a inserción social”
O Goberno local vén de poñer en marcha, a través da Concellería de Medio Ambiente, unha nova liña de traballo para promover a recollida diferenciada de roupa usada e materiais téxtiles a través da instalación de contedores por toda a cidade para permitir que a cidadanía deposite esta clase de residuos. Desde o comezo da actividade o pasado 25 de xaneiro, e tras a implantación progresiva de 47 recipientes en distintas localizacións, a iniciativa arroxa un primeiro resultado de aproximadamente 30 toneladas de roupa e materiais téxtiles recollidos nos contedores e a través do servizo a domicilio. A concelleira de Medio Ambiente, María García, salientou a “boa aceptación e disposición á colaboración” por parte da cidadanía ante unha iniciativa que, “ademais de potenciar a recollida sostible” e unha separación de residuos na orixe, “permite acadar unha maior igualdade e inserción sociolaboral”. A responsable municipal lembrou que o proxecto, que se desenvolve a través dun programa coa entidade Padre Rubinos e prevé a instalación de 125 depósitos en total, “incide directamente no mercado laboral coruñés”, ao introducir “a persoas en situación de risco e con necesidades de reincorporarse” ao mesmo.
A recollida de xaneiro e febreiro supuxo unha media de 730 kg de roupa e materiais por día, un resultado que o executivo coruñés agarda ver incrementado nos vindeiros meses. “Experiencias noutras cidades con iniciativas semellantes indican que estes primeiros meses de ano son os do menor volume de recollida. De cara ao mes de abril, co cambio de estación, soe aumentar”, explicou García, quen sinalou que este incremento “previsiblemente incidirá tamén nun aumento na contratación de persoal para a recollida diaria destes residuos valorizables”.
Os 47 contedores instalados até agora situáronse principalmente en rúas ou parques xunto aos centros cívicos e mercados municipais. Desde a ubicación do primeiro, a Concellería de Medio Ambiente realiza un seguimento da actividade en cada contedor, á fin de poder establecer melloras antes de abordar a instalacións dos seguintes. “Nos vindeiros meses continuará a implantación dos novos recipientes” sinalou a edil, quen avanzou que o Goberno local agarda contar co 60% instalado no mes de xuño”. Os depósitos con maior demanda destes dous meses son os situados no Mercado de Elviña, Parque de Marte, Fórum Metropolitano, rúa Roberto Tojeiro Díaz, rúa Cubela, Mercado Municipal das Conchiñas e no Barrio de Pescadores, ademais do propio do IBS Padre Rubinos.
A iniciativa de recollida diferenciada intégrase dentro do proxecto estratéxico RE-CIDADE da Concellería de Medio Ambiente, orientado a potenciar a xestión dos residuos na cidade mediante a participación cidadá e a través de accións encamiñadas á redución dos refugallos, a mellora da separación selectiva e da reciclaxe, co obxectivo tamén de contribuír á xeración de emprego e a integración laboral de persoas en risco de exclusión social, en colaboración cos axentes sociais involucrados. O programa tamén inclúe un servizo de recollida a domicilio, cuxa xestión pode facerse a través do teléfono 981 909 292.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible