Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xuño de 2026

O Concello promove unha campaña de concienciación e limpeza das praias, coa colaboración de Champi Muros e Blondie Muser

O San Xoán da Coruña contará cunha proba piloto de reserva de espazos para fogueiras na praia de Riazor

Alberto Vázquez, ilustrador coruñés gañador de cinco Goyas, autor do cartel desta edición

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá San Xoán, festa de interese turístico internacional, no Palacio de María Pita. Fíxoo acompañada do autor do cartel deste ano, o ilustrador e cineasta coruñés Alberto Vázquez, e o creador de contido Champi Muros.

Alberto Vázquez foi o encargado de realizar o deseño do cartel deste ano. A ilustración presenta unha sardiña en primeiro termo, representación simbólica da festa. O lume, a auga e a cidade están representadas cunha gama de cor que lembra ás cores do lume. "A gran sardiña converte a festa en algo ancestral, como algo antigo que desperta na cidade e iso enlaza ben co San Xoán como rito de purificación, superstición e cambio de estación", sinala o autor. A cidade e as praias represéntanse en segundo termo, xunto coas fogueiras e a multitude nos areais.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que se levará a cabo unha intensa campaña de concienciación de cara á Noite Meiga para reducir o número de residuos acumulados nas praias e nas rúas. Por unha banda, o Concello colaborará cos creadores de contido Santiago Caamaño (Champi Muros) e Paula Vilaboy (Blondie Muser), que publicarán vídeos en redes sociais para promover un comportamento cívico durante a festa.

A este respecto, Inés Rey anunciou que este ano se levará a cabo unha proba piloto de reserva de espazos para fogueiras na praia de Riazor. Terá lugar no treito de area entre as Escravas e o Playa Club, dividindo o espazo en parcelas. As entidades e asociacións que o desexen poderán solicitar dito espazo e serán responsables da súa limpeza e coidado, tendo que deixalo recollido ao abandonar a praia. "Deste xeito, queremos buscar unha solución tanto á cuestión das parcelas, que moitas veces xera conflitos innecesarios, como ao da limpeza, comprometendo a cada entidade solicitante coa recollida dos seus residuos", indicou Rey, que tamén sinalou que, en función do resultado desta proba, estudiarase a súa ampliación en próximos anos a outras partes dos areais.

Como é habitual, levarase a cabo unha campaña de accións co obxectivo de manter as praias limpas. Repartirase madeira en diferentes puntos, que será a única que se poida empregar para prender as fogueiras. En total repartiranse 120 toneladas de madeira limpa que será distribuida a través de 14 puntos de reparto situados nos areais. Tamén haberá un reforzo dos contedores, tanto nas praias como en puntos de moita afluencia nos barrios. Levaranse tamén a cabo campañas co obxectivo de evitar a acumulación de envases e vidros nas praias, con sorteo de regalos para aquelas persoas que depositen envases nos contedores. Ademais, este ano o Concello contará tamén coa colaboración das asociacións Galicia de Noite e España de Noche, coas que se levará a cabo unha campaña de concienciación para promover condutas cívicas e responsables durante a noite de San Xoán en todos os espazos, sobre todo nos locais de hostalería e ocio nocturno.

Haberá, como é habitual, puntos violeta repartidos polo Paseo Marítimo, que ofrecerán información e recollerán denuncias de posibles condutas violentas contra as mulleres. "Con esta iniciativa contribuímos a evitar a violencia sexual nunha celebración masiva, que congrega na cidade e as súas praias a case 200.000 persoas", indicou Inés Rey.

Programación cultural e bando municipal

A alcaldesa tamén anunciou que nos vindeiros días se publicará o bando municipal do San Xoán, que regula as actividades propias desta celebración, como sardiñadas e churrascadas, e que tamén especifica os espazos nos que non estará permitido prender lume durante a noite do 23 de xuño.

Por outra banda, desde o 17 de xuño celebrarase nos diferentes barrios a Ruada das Xoubas, un programa de actuacións para todos os públicos que pasará por todos os barrios da cidade. Trátase dunha iniciativa de artes escénicas para todos os públicos formada por compañías vencelladas á Coruña e que percorrerá os distintos barrios con teatro, música, danza, maxia ou narración oral.

Cronograma de actuacións da Ruada das Xoubas:

Mércores 17 de xuño

Parque de Eirís

  • 18:00h: Xogos populares
  • 18:00h: Tigre de papel - Obradoiro de decoración de sardiñas
  • 19:00h: Pérez & Fernández- Nanai da china

Xoves 18 de xuño

Praza Elíptica

  • 18:30h: Assircópatas- Rogelio iii la fete

Parque de Oza

  • 19.00h: A Cova das Letras- Costureiriña bonita

Venres 19 de xuño

Praza de Vigo

  • 18:30h: Fantoches Baj- A viaxe feliz de Ramón Sanfiz

Praza de Azcárraga

  • 19:00h:  Caxoto (A trastenda dos contos)- Unha noite no muiño...

Sábado 20 de xuño

Praza dos Avós

  • 18:30h- Títeres Alakrán- Pekeno Kabaret de Tolos

Novo Mesoiro (explanada do CCM)

  • 19:00h - Maga Fani/Martín Camiña Ilusionista- 2 ilusionistas cos pés na rúa

Domingo 21 de xuño

Praza dos Mariñeiros

  • 18:30h - Dani García- Flash!

Escalinata da Domus

  • 19:00h- Os Náufragos Teatro- Hugo

Luns 22 de xuño

Praza Pablo Iglesias

  • 18:30h: Brais das Hortas- Comisión de festas

Praza da Tolerancia

  • 19:00h: Inma Soto- Sinfonía de contos. Nós tamén (queremos) navegar!

Martes 23 de xuño

Campo da Leña

  • 11:00h: Xogos populares
  • 11:00h: Tigre de papel - Obradoiro de decoración de sardiñas
  • 11:00h: Taller de herbas de San Xoán
  • 12:30h: Caramuxo Teatro

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión