20 de setembro de 2026
Gonzalo Castro destacou a figura de Manuel Lourenzo como “un dos grandes mestres da escena galega” e reafirmou a aposta do Goberno de Inés Rey polas artes escénicas
O Teatro Colón acolleu a primeira edición dos Premios Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego, organizados pola Federación Teatral Afeccionada de Galicia (FETEAGAL), nunha gala que reuniu a representantes do teatro galego e que serviu para recoñecer o traballo de compañías, intérpretes, directoras e directores vinculados ao teatro afeccionado de Galicia.
O acto contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen puxo en valor a importancia de dedicar estes galardóns a Manuel Lourenzo, figura fundamental da cultura galega contemporánea. "Falar de Manuel Lourenzo é falar dunha das persoas que máis fixeron polo teatro galego. Dramaturgo, director, actor, mestre e creador incansable, a súa traxectoria forma parte da historia cultural do noso país e segue sendo unha referencia para varias xeracións de profesionais e afeccionados das artes escénicas", sinalou Castro.
O edil destacou tamén o papel que desempeña o teatro amador na dinamización cultural de Galicia. "As compañías afeccionadas son unha peza fundamental do noso tecido cultural. Grazas ao seu traballo créanse públicos, fórmanse novas vocacións e mantense viva a actividade teatral en centos de localidades de todo o país", indicou. Durante a súa intervención, Gonzalo Castro reafirmou o compromiso do Goberno de Inés Rey coas artes escénicas. "Desde o Concello seguimos apostando decididamente polo teatro a través de programas consolidados como o Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro, a programación dos nosos equipamentos culturais e o apoio ás entidades e profesionais do sector. Entendemos a creación escénica como unha parte esencial da vida cultural da Coruña", destacou.
A gala, dirixida por Matilde Blanco, combinou a entrega dos galardóns con actuacións das compañías Cardume, Noite Bohemia, Casa Hamlet e Deimos Teatro, ademais da participación musical de Lesuitband Cuarteto. A primeira edición dos premios incluíu tamén a entrega do Premio FETEAGAL de Honra ao actor, humorista e presentador Xosé Antonio Touriñán, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa contribución á cultura galega.
Con estes galardóns, FETEAGAL, en colaboración co Concello da Coruña, inicia unha nova iniciativa que nace coa vocación de consolidarse como unha referencia anual para o teatro afeccionado galego e como unha homenaxe permanente ao legado de Manuel Lourenzo e de todas as persoas que manteñen viva a escena teatral do país.
Relación de premiados
Premios especiais FETEAGAL
Premio á Difusión Teatral: Teatro Airiños de Rianxo.
Premio ao Teatro Social: Asociación Con Eles, de Pontevedra.
Premio FETEAGAL de Honra: Xosé Antonio Touriñán.
Premios artísticos
Mellor Guión Adaptado: David Vázquez por "A puta namorada" (Esteta).
Mellor Guión Orixinal: Rubén Pérez por "Vermello" (Rebuldeira Teatro).
Mellor Vestiario: "A puta namorada" (Esteta) e "Cabaret Dar Trela" (Dar Trela).
Mellor Interpretación Masculina de Reparto: Fran Muíño por "De marzo a marzo" (Opaí Teatro Canido) e Ramón Fernández por "Miles Gloriosus" (Teatro Muxicas).
Mellor Interpretación Feminina de Reparto: Cristina Pereira por "Deus non quere calderilla" (The Sastre).
Mellor Espazo Escénico: "Dúas vellas e un segredo" (Taller de Teatro Clámide) e "Cabaret Dar Trela" (Dar Trela).
Mellor Espectáculo Costumista: "Os marcos da vida" (Esteta).
Mellor Interpretación Masculina Protagonista: Alexis Sequeiro por "De marzo a marzo" (Opaí Teatro Canido).
Mellor Interpretación Feminina Protagonista: Elisa Lema por "Mamá" (Farándula Velutina).
Mellor Dirección: David Vázquez por "A puta namorada" (Esteta).
Mellor Espectáculo: "Cabaret Dar Trela" (Dar Trela).

19 de setembro de 2026

18 de setembro de 2026
17 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible