18 de setembro de 2026
O Concello apoia a gala que recoñecerá o traballo de compañías, intérpretes e creadoras do teatro afeccionado galego e renderá homenaxe a unha das grandes figuras da escena do país
O Teatro Colón acollerá este sábado, 19 de setembro, a primeira edición dos Premios Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego, unha iniciativa impulsada pola Federación Teatral Afeccionada de Galicia (FETEAGAL) e apoiada polo Concello da Coruña co obxectivo de recoñecer o traballo desenvolvido por compañías, intérpretes, directoras, directores e colectivos vinculados ao teatro amador galego.
A gala, que dará comezo ás 19.00 horas, reunirá no Teatro Colón a representantes do sector teatral de toda Galicia e converterá a Coruña no punto de encontro do movemento afeccionado galego, un ámbito fundamental para a promoción das artes escénicas, a creación de públicos e a dinamización cultural de numerosos municipios do país.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia dunha iniciativa que nace coa vocación de consolidarse dentro do calendario cultural galego. "O teatro afeccionado desenvolve un labor imprescindible para a cultura do noso país. Grazas ao compromiso de centos de persoas mantense viva a actividade escénica en moitas localidades e segue medrando unha canteira de creadoras, creadores e públicos que enriquecen o panorama teatral galego", sinalou.
Castro puxo ademais en valor a figura de Manuel Lourenzo, que dá nome aos galardóns. "Falamos dun dos grandes nomes da cultura galega contemporánea. Dramaturgo, director, actor, mestre e impulsor de innumerables proxectos culturais, Manuel Lourenzo contribuíu de forma decisiva á construción do teatro galego moderno e continúa sendo unha referencia imprescindible para varias xeracións de profesionais e afeccionados ás artes escénicas", afirmou.
O edil destacou tamén a aposta do Goberno de Inés Rey polo teatro e polas artes escénicas. "A Coruña leva anos reforzando a súa programación teatral mediante iniciativas como o Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro, a programación estable dos nosos equipamentos culturais e o apoio constante ao tecido escénico galego. Entendemos que o teatro é unha ferramenta fundamental para a creación, a reflexión e a cohesión cultural da cidade", indicou.
A gala combinará a entrega dos premios con actuacións artísticas e diferentes intervencións escénicas. Ademais dos galardóns competitivos, entregaranse tres recoñecementos especiais: o Premio á Difusión Teatral, o Premio ao Teatro Social e o Premio FETEAGAL de Honra, destinado a recoñecer unha traxectoria destacada de apoio á cultura galega.
Entre os momentos máis destacados da noite figura precisamente a entrega do Premio FETEAGAL de Honra ao actor, humorista e presentador Xosé Antonio Touriñán, así como os recoñecementos a Teatro Airiños de Rianxo, co Premio á Difusión Teatral, e á Asociación Con Eles, de Pontevedra, co Premio ao Teatro Social.
17 de setembro de 2026

16 de setembro de 2026

15 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible