Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de febreiro de 2026

O trail organizado polos Bombeiros da Coruña volverá aos montes de Novo Mesoiro o día 11 de abril, coas inscricións xa abertas

O Concello colabora na organización da décimo primeira edición desta proba, que conta cunha inscrición máxima de 400 prazas

Conta atrás para a celebración do XI C-Trail Bombeiros Coruña, organizado pola asociación do servizo municipal de Bombeiros da Coruña coa colaboración do Concello, e que volverá aos montes de Novo Mesoiro o vindeiro 11 de abril.

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que esta proba é a única deste tipo que se realiza no termo municipal, "e supón unha grande oportunidade para desfrutar da práctica deportiva ao aire libre e, de paso, coñecer máis polo miúdo as paraxes naturais e os montes da nosa cidade".

O trail, cun percorrido circular de 15 quilómetros, comezará ás 18.00 horas, arrincará na contorna do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro e desenvolverase, na súa meirande parte, por pistas, camiños e sendeiros dos montes próximos. Ademais, como xa é habitual, a xornada tamén inclúe unha andaina de menor distancia, 10 quilómetros, concibida para a participación do público familiar.

O prazo para inscribirse -xa aberto- estará habilitado ata o día 8 de abril, cunha cota máxima de 400 prazas. As persoas participantes contarán con dorsal e disporán, ademais, dunha bolsa de corredor/a cun agasallo conmemorativo, así como de avituallamento. A inscrición tamén recolle un seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

Os servizos de asistencia, no polideportivo de Novo Mesoiro

Tal e como estipula a normativa do trail, as corredoras e corredores deberán levar material obrigatorio de seguridade: o dorsal, visible na parte dianteira e, ademais, un envase ou sistema de hidratación.

Tamén se recomenda o uso de roupa e zapatillas adecuadas para carreiras de monte, así como portar unha lanterna frontal e teléfono móbil.

Neste sentido, as persoas participantes disporán tamén de servizo de duchas e vestiarios no pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión