Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de xaneiro de 2026

O vindeiro luns 2 abrirá o prazo de inscrición no programa municipal Idiomas do Mundo 2026

O Concello oferta 29 prazas para estancias dun mes en Irlanda destinadas a estudantes de 1º de Bacharelato

O Concello abrirá este luns o prazo de inscrición para participar no programa Idiomas do Mundo 2026, que oferta un mínimo de 29 prazas para estancias dun mes en Irlanda destinadas a estudantes que cursen 1.º de bacharelato durante o presente curso escolar.

A publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) abre camiño á apertura do prazo para presentar solicitudes, entre os días 2 e 13 de febreiro, ambos inclusive. Para formalizar a inscrición será necesario cubrir unha ficha dispoñible na web municipal e presentar posteriormente toda a documentación necesaria por calquera dos rexistros municipais ou de calquera outra Administración. As estancias desenvolveranse durante catro semanas, nos meses de xullo ou agosto, nunha localidade por determinar da República de Irlanda.

O programa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, e obter ademais un certificado do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Para iso, promove que o alumnado participe nunha acción intercultural e aumente a conciencia e comprensión doutras culturas e países e a educación das persoas participantes respecto á diversidade e á igualdade, ao mesmo tempo que lles permita avanzar no seu desenvolvemento persoal.

Durante a súa estancia en Irlanda, as persoas seleccionadas asistirán polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés, mentres que polas tardes participarán en actividades deportivas, culturais e lúdicas, con excursións a diversas localidades durante as fins de semana. Aloxaranse en domicilios particulares onde convivirán con familias irlandesas para desta maneira profundar máis no proceso de inmersión na cultura local.

O programa Idiomas do Mundo está integramente financiado polo Concello, e conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, cun custo por praza de 5.138,83 euros. O Concello asume entre a totalidade e o 65 por cento do custo das prazas, en función dos ingresos das familias, que en todo caso terían que achegar como máximo o 35 por cento deste custo.

As bolsas inclúen os gastos de desprazamento, a estancia en Irlanda durante un mes do alumnado seleccionado, as actividades escolares e extraescolares durante ese período, así como o custo de monitores/as e educadores/as que acompañarán durante todo ese mes as persoas seleccionadas, ademais do seguro que cobre calquera eventual incidencia durante o programa.

Entre os requisitos esixidos para poder participar figura o estar matriculado e cursar 1.º de bacharelato nun centro escolar da cidade no curso 2025-2026, contar no curso de 4.º da ESO cunha cualificación media de 6 ou máis e non ter ningunha materia suspensa, e contar no curso de 4.º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.

"Desde o Goberno de Inés Rey pensamos que é fundamental incentivar programas que acheguen a xuventude a outras culturas. É unha forma marabillosa de aprender idiomas e abrir a mente. Unha experiencia das que non se esquecen", subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión