26 de xullo de 2026
O grupo foi recibido hoxe en María Pita polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, antes de marchar á súa estadía de case un mes na cidade de Kilkenny, ao sur do país
Os 32 alumnos e alumnas participantes no programa do Concello Idiomas do Mundo acudiron hoxe a María Pita, onde foron recibidos polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, antes de iniciar, hoxe, á súa viaxe. Estarán ata o 23 de agosto na localidade irlandesa de Kilkenny, ao sur do país, formando parte do programa de inmersión lingüística e cultural no que o Concello investiu máis de 150.000 euros. Esta iniciativa está encadrada dentro da aposta do Goberno de Inés Rey por promover actividades que fomenten a aprendizaxe de idiomas e a inmersión noutras culturas dun xeito accesible paras todas as familias.
"Os 32 estudantes que estades hoxe aquí partides para vivir unha experiencia única. Mergullarédesvos de cheo noutra cultura. Aprenderedes sobra a vida, das similitudes e das diferenzas dun país, Irlanda, que ten unha gran conexión histórica coa Coruña e con Galicia", apuntou Borrego.
Os mozos e mozas seleccionados para o programa benefícianse das bolsas do Concello, que cobren entre a totalidade e un 65% dos gastos da estadía, segundo os niveis de renda das familias. En Irlanda, o alumnado asistirá polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés, mentres que polas tardes participará en actividades deportivas, culturais e lúdicas, con excursións a diversas localidades durante as fins de semana. Aloxaranse en domicilios particulares onde convivirán con familias irlandesas para desta maneira profundar máis no proceso de inmersión na cultura local.
"Desde o Concello apoiamos con decisión este programa porque cremos que é unha ferramenta educativa óptima para o desenvolvemento persoal e académico dos mozos e mozas, independentemente da capacidade económica das familias", subliñou o concelleiro, quen destacou a importancia de fomentar desde o público a igualdade de oportunidades.
O programa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, e obter ademais un certificado do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Para iso, promove que o alumnado participe nunha acción intercultural e aumente a conciencia e comprensión doutras culturas e países e a educación das persoas participantes respecto á diversidade e a igualdade, ao mesmo tempo que lles permita avanzar no seu desenvolvemento persoal.
As bolsas financiadas polo Concello inclúen os gastos de desprazamento, a estadía en Irlanda durante un mes do alumnado seleccionado, as actividades escolares e extraescolares durante ese período e a contratación do persoal monitor que acompañará durante todo ese mes ás persoas seleccionadas, ademais do seguro que cobre calquera eventual incidencia durante o programa.

23 de xullo de 2026

20 de xullo de 2026

17 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible