11 de outubro de 2015
O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, salientou os bos resultados de participación e deportivos dunha proba que supón o inicio da tempada
O Paseo Marítimo acolleu esta mañá a celebración da decana das carreiras populares da cidade, Coruña10. As e os atletas percorreron 10.000 metros dun percorrido que se achegou dun extremo a outro do Paseo coas rotondas do Millenium e Torre de Hércules. A Campioa de España da distancia, Paula González, fíxose co primeiro posto na categoría absoluta feminina desta novena edición da Coruña10 (35:20), seguida da actual Campiona de España dos 1500 metros, Solange Pereira (35:38), e da atleta de Ares Paula Mayobre (35:48). Na categoría absoluta masculina Youness Ait marcou o mellor tempo da proba (30:17). Abdelmounim Harroufi (30:31) e o galego Alejandro Fernández (30:32), un dos aspirantes a gañar a carreira, completaron o podio na segunda e terceira posición. O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, e a concelleira de Participación, Claudia Delso, entregaron os premios nunha gala na que estiveron presentes diversas autoridades e representantes do atletismo galego. Sande destacou “a boa organización e desenvolvemento da proba grazas ao traballo realizado polas traballadoras e traballadores do Servizo Municipal de Deportes”, así como “os bos resultados de participación e deportivos” dunha carreira que, segundo indicou, “supón unha inflexión que marca o inicio da tempada 2015-2016”. O concelleiro aproveitou a ocasión para lembrar que as carreiras populares terán continuidade e que a Gala de entrega de premios do Circuíto Coruña Corre será en novembro.
A proba, artellada polo Concello da Coruña e a Real Federación Española de Atletismo e que forma parte do III Circuíto de Carreiras Populares Deputación Provincial da Coruña, transcurriu con normalidade. Tras finalizar a carreira da categoría absoluta, celebráronse nun ambiente festivo as de categoría de menores, con menor percorrido a través da rúa Manuel Murguía, nas que os primeiros postos foron para Cristian Montecelo e Andrea Cancela na categoría xuvenil), Carlos Válida e Ana García na cadete, e Marta Vilas e Daniel Mato na infantil. Na categoría alevín os dous primeiros clasificados marcaron o mesmo tempo, resolvendo o gañador a través da foto finish. Así, Sergio Soto e Deki Mato dominaron a proba de 800 metros na súa categoría, mentres que Susana Amor e Daniel Salgueiro fixeron o propio na benxamín.
Máis información, clasificacións e fotografías, próximamente en www.coruna.es/carreiraspopulares

1 de outubro de 2025

30 de setembro de 2025

25 de setembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible