31 de maio de 2016
37 barbeiras e barbeiras de todo o Estado cortarán o pelo e afeitarán a barba a todas as persoas que se acheguen este sábado á actividade, cuxos beneficios íntegros serán para a Asociación de Esclerose Múltiple da Coruña
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou no Pazo de María Pita a primeira edición na cidade da Barbería Solidaria, unha actividade a prol da Asociación da Esclerose Múltiple na Coruña organizada por un colectivo de barbeiras e barbeiros de todo o Estado e que conta coa colaboración do Concello da Coruña. Durante a tarde do sábado 4 de xuño, de 15 a 21 horas, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán unha proposta solidaria "en positivo, vinculada ao humor e a música", segundo explicou Fraga, na que 37 profesionais de cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla, Córdoba, León e distintas localidades de Galicia, cortarán o cabelo e afeitarán a barba a quen así o solicite por un prezo de 7€. A recadación íntegra desta iniciativa, que contará co humorista David Perdomo como mestre de cerimonias, "será para beneficio de ACEM, que desenvolve un labor imprescindible na cidade", destacou a edil.
A Barbería Solidaria instalarase entre a estatua de Curros Enríquez e o Palco da Música, e contará con distintas actividades ao longo da tarde. Ás 17.00 será a inauguración formal, e de seguido, ás 17.30 horas, comezará unha exhibición canina que contará coa participación de persoas usuarias de ACEM "parar mostrar os beneficios do traballo con cans na asistencia á persoas con diversidade funcial", explicou a edil. Ademais das carpas situadas en Méndez Núñez, o Obelisco contará cun punto informativo para convidar á cidadanía a participar desta iniciativa así como expoñer o traballo desta entidade do terceiro sector.
Por outra parte, e ante as preguntas dos medios de comunicación sobre a situación de acollida de persoas refuxiadas na cidade, a concelleira de Igualdade e Diversidade sinalou que "se prevén novas chegadas", pero que o Goberno local "mantén discreción" sobre as benvidas á cidade "para respetar a situación emocional na que veñen", sinalou. Neste sentido, Fraga lamentou "a falta de vontade política" do Estado e a Unión Europea ante a situación, así como "as dificultades e o bloqueo que impoñen aos concellos que queremos aportar a nosa dispoñibilidade, e cremos que si temos a capacidade de ser cidade de acollida".
A responsable municipal afirmou que o executivo coruñés "está a explorar novas vías para sortear ese impedimento", como "a colaboración co servizo de bombeiros para intentar facer novos apoios". "Con vontade política poderiamos facer moito máis do que se está a facer e chegar así, como mínimo, aos números que temos asignados os estados", dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible