Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de maio de 2016

Rocío Fraga reivindica "a vocación da Coruña como Cidade Refuxio” e demanda “o compromiso do Goberno central para permitir o acollemento", durante a presentación dun encontro deportivo solidario

A concelleira de Igualdade e Diversidade presentou hoxe as actividades a beneficio das persoas refuxiadas, que terán lugar este xoves no pavillón polideportivo do San Francisco Javier, cun partido entre o Santiago FutSal e o 5 Coruña de FS e outras exhibicións

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou na mañá deste martes un partido solidario que se celebrará o vindeiro xoves, día 26, no pavillón deportivo municipal San Francisco Javier a beneficio das persoas refuxiadas, así como o resto de actividades previstas para esa tarde, organizadas coa colaboración do Concello a proposta do Santiago FutSal e na que tamén participa o 5 Coruña FS, "unha das moitas iniciativas que esperamos que se veñan facendo para dar visibilidade a este tema". "Desde o Concello imos apoiar todo tipo de accións neste sentido para recadar os fondos que posibiliten que as entidades e asociacións que traballan no territorio poidan seguir facéndoo", sinalou a responsable municipal, para avanzar que "cos Orzamentos en marcha, poderemos avanzar no programa de Coruña Cidade Acolledora e Inclusiva". Fraga tamén lamentou as "limitacións que os gobernos estatal e europeo poñen ás capacidades dos concellos que queremos, e podemos, acoller xente". "Estamos ante unha cuestión de emerxencia humanitaria sumamente grave e cremos que a Coruña ten que ser unha cidade que poida acoller a persoas", subliñou Fraga, para alertar de que as cifras de persoas que teñen chegado ao Estado español, da orde de 20, resultan "totalmente insuficientes".

"Desde a Concellería de Igualdade e Diversidade e desde o Concello da Coruña, que está declarado Cidade Refuxio, estamos especialmente sensibilizadas coa situación dos campos", declarou a concelleira, que na rolda estivo acompañada dalgúns dos bombeiros do parque da Coruña integrantes da ONG AIRE,  Axuda Integral Rescate Emerxencias, que acaban de regresar do campo de Katsikas, en Grecia, e que alertaron da situación actual que se vive alí. "Imos estar aí apoiando no que precisen", adiantou a responsable municipal, despois de salientar os labores que estes traballadores do Concello e da comarca desenvolven no terreo, "polo que fan e polo que nos achegan a nós". Neste sentido, os voluntarios alertaron da "grave situación e carencias" que sofren campos como o de Katsikas, e alertaron do agravamento das condicións que padecen as persoas refuxiadas nestes campos co desaloxo que está a ter lugar en Idomeni. "Isto vai para longo e non hai solución a curto prazo", alertaron, facendo un chamado a apoiar iniciativas como a do xoves.

Na presentación tamén estivo presente o coordinador de actividades do 5 Coruña FutSal, Antonio González, quen agradeceu a oportunide de achegar axuda neste tipo de accións. "Intentamos s aportar nuestro granito de arena en estas causas, apoyando a diversas asociaciones e intentando ayudar en los actos que hacemos a lo largo del año, como el Trofeo Solidario que realizamos cada diciembre", recordou. No mesmo sentido se manifestou Ramón García, do Santigo FutSal, quen amosou a súa satisfacción por poder sacar adiante a iniciativa. "Desde o Santiago FutSal cremos que o deporte ten que ser algo máis que competir, e neste sentido, ante un drama tan extraordinario como o das persoas refuxiadas, a nosa achega probablemente sexa máis simbólica que económica e real, pero é importante sacala á luz", comentou.

As actividades do xoves no pavillón do San Francisco Javier darán comezo ás 17.30 horas con  exhibicións das e dos rapaces de categorías inferiores do 5 Coruña Futsal, de entre 4 e 18 anos. A continuación terá lugar un partido feminino e, como remate, ás 20.30 horas, celebrarase o partido entre o Santiago FutSal e 5 Coruña FS. As doazóns que se recollan durante o evento deportivo servirán, como destacou a concelleira de Igualdade e Diversidade, para contribuír ao traballo que se desenvolve nos campos para mellorar as condicións das persoas refuxiadas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión