Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de agosto de 2017

Seis empresas optan a realizar o proxecto e as obras de reforma do estadio de Riazor, un contrato que supera os 8 millóns de euros

O concelleiro de Rexeneración Urbana destacou que “o proceso está a desenvolverse con grande axilidade”. Tras a apertura esta xornada das ofertas administrativas, e o luns das de carácter técnico, o Concello analizará a documentación presentada, “traballo complexo que se desenvolverá no menor prazo de tempo posible”

O Concello da Coruña recibiu seis ofertas doutras tantas firmas e unións temporais de empresas que optan a levar a cabo a redacción do proxecto e execución das obras de reforma do estadio de Riazor. As actuacións que se van a desenvolver están baseadas no anteproxecto deseñado polo goberno local, que consisten na substitución das dúas cubertas longas máis deterioradas do estadio, ademais da reparación e rehabilitación do resto (laterais curtos). Estas obras, á súa vez, derivarán na cubrición da metade da grada de preferencia inferior, actualmente á intemperie. A obra comprende tamén o pechado dos fondos superiores das catro bancadas, algo que axudará a conservación da estrutura. "A obra fará non só que o estadio gañe en seguridade, senón tamén en accesibilidade. Así o serán as cubertas, nas que se facilitarán moito os labores de conservación e mantemento", comentou o concelleiro José Manuel Sande, titular da área de Deportes, quen tamén salientou que "Riazor gañará moitísimo en visibilidade interior". Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou que o proceso aberto para a adxudicación do proxecto e as obras correspondentes "está a desenvolverse cunha grande axilidade, polo que cremos que as actuacións estarán adxudicadas en tempo e forma, do mesmo xeito que as obras previstas".

A tramitación das ofertas comezou a abordarse hoxe mesmo, xornada na que tivo lugar unha mesa de contratación extraordinaria que realizou a apertura de ofertas administrativas (denominadas no proceso de licitación, sobre A). Está previsto que o vindeiro luns, 28 de agosto, teña lugar a apertura dos sobre que conteñen a documentación técnica (sobres B) das empresas presentadas e admitidas neste procedemento. "Posteriormente, abordaremos o proceso de avaliación técnica das ofertas. É un traballo complexo, xa que hai moita e moi complexa documentación, aínda así a tramitación realizarase no menor prazo posible", explicou. O orzamento base de licitación é de 8,2 millóns de euros, sendo o prazo de execución estimado de 15 meses. As obras, tal e como recordou Varela, "serán compatibles co uso do estadio ao longo da tempada de competición. O groso dos traballos está proxectado para o verán, entre o remate da liga que acaba de comezar e o inicio da seguinte".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión