Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xullo de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 29 de xuño até as 07:00 horas do 3 de xullo

DETIDO POR UN CONCURSO DE DOUS DELITOS: AGRESIÓN CON RESULTADO DE LESIÓNS A UNHA MULLER E POR UN POSIBLE DELITO DE VIOLENCIA MACHISTA

- Ás 21:15 horas do día 1 de xuño, unha patrulla de Policía Local foi comisionada pola  Sala Operativa do 092 para que se trasladase urxentemente á rúa Maria Casares Quiroga, onde se estaba a producir unha pelexa nun bar. No lugar, os actuantes foron requiridos por unha muller, veciña da Coruña e de 36 anos, que presentaba unha aparente rotura nun dos dedos da súa man esquerda, manifestando que o presunto agresor xa se ausentara do lugar, facilitando ela e varias testemuñas a descrición do home. Distintas dotacións policiais deron unha batida pola zona, localizando nas inmediacións a un home que coincidía coa descrición facilitada, o cal negou os feitos e acompañou voluntariamente ata o bar aos policías, onde foi recoñecido pola muller e as testemuñas. A muller manifestou que, cando se atopaba no local, o home se achegou a ela, tocándolle as nádegas coa súa man, acción que lle recriminou. O feito coincidiu coa saída do baño da parella do home. Tras ver a súa acción, comezou a discutir con el, pero este agarrouna polo pelo e arroxouna contra unha máquina de tabaco, polo que a muller (que requiriu os servizos policiais) tratou de mediar entre eles para evitar que o home continuase agredindo a súa parella, instante no que o home a agarrou á muller pola súa man esquerda, retorcéndolle os dedos con forza, mentres que nese momento súa parella abandonaba o bar. Testemuña de todo iso foi o camareiro do local, quen corroborou os feitos. Momentos mais tarde presentouse no lugar unha muller, de 32 anos e veciña da Coruña, que resultou ser a parella do agresor, pero negou os feitos e manifestou non querer presentar denuncia contra a súa parella. Por todo iso procedeuse á detención do home, sendo informado do motivo da mesma e dos dereitos que lle asisten, sendo denunciado de oficio polos axentes ante o xulgado de garda por un concurso de dous delitos: de lesións e de posible violencia de xénero, quedando nos calabozos policiais a disposición xudicial.

DETIDO POR UN DELITO DE VIOLENCIA DE XÉNERO

- Ás 09:00 horas do día 1 unha dotación policial foi comisionada a través da Sala do 092 para que se trasladase a un domicilio da zona dos Mallos, onde unha veciña estaba a pedir auxilio desde unha xanela. Unha vez no lugar, os axentes foron requiridos por unha muller que lles manifestou que acababa de ser agredida pola súa ex-parella, o cal lle tirara do pelo, empuxándoa ata caer encima do sofá, á vez que a agarraba do pescozo, para abandonar posteriormente a vivenda. Por parte dos policías púidose comprobar que a moza se atopaba moi nerviosa e asustada, presentando rasguños no pescozo e faltándolle cabelo da parte esquerda da cabeza, cuxo guecho estaba tirado sobre o sofá. Tras facilitar a descrición do presunto agresor, este foi localizado por outra dotación policial na confluencia da rúa Filipinas coa Avenida da Sardiñeira, recoñecendo ante os policías que tivera unha forte discusión coa súa ex-parella. Por iso procedeuse á súa identificación e detención,  resultando ser un home de 38 anos e veciño desta cidade, sendo posto a disposición do xulgado de garda denunciado por un presunto delito de violencia de xénero.

A muller agredida foi trasladada ao Centro de Saúde da Casa do Mar para ser atendida das lesións que presentaba e presentar a correspondente denuncia.

DETIDAS 4 PERSOAS POR DESOBEDIENCIA E RESISTENCIA GRAVE A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

- Ás 05:30 horas de hoxe, 2 de xuño, unha patrulla do reforzo de control de lecer nocturno da zona do Orzán detectou que na avenida Pedro Barrié de la Maza un establecemento de hostelería permanecía aberto excedendo o horario permitido. Unha vez no lugar, o responsable do local dirixiuse cara aos actuantes, que comunicaron ao responsable que se atopaba fóra de horario e debía de cesar a actividade e ir desaloxando o local. Despois de desaloxar o local (contabilizando 80 persoas no interior), a dotación informou ao responsable, un home de 25 anos e veciño da Coruña, da súa intención de acceder ao interior para realizar unha inspección ao obxecto de comprobar o cumprimento da normativa vixente. O home negouse, apagando as luces e querendo proceder ao peche inmediato do local, e impediu claramente o acceso e realizar a inspección. Nese momento, unha muller vinculada ao local, de 42 anos e veciña de Oleiros, interpúxose tamén no camiño dos axentes para impedir que accedesen ao interior. Os policías insistiron en explicar a estas persoas que tiñan o deber de colaborar cos axentes, tratando en todo momento de acougalos debido a que empezaban a alterarse cada vez máis. A situación repetiuse e os actuantes explicaron a estas dúas persoas que, en caso de non permitir a inspección do local, procederían a denunciarlles por obstaculizar o labor policial, e de persistir poderían incorrer nunha desobediencia grave a axentes da autoridade podendo adoptar as medidas coercitivas necesarias para poder materializar a inspección.

Mentres, no exterior, varios clientes desaloxados querían volver acceder ao interior do mesmo, polo que se solicitou apoio policial acudindo o resto do persoal de reforzo de lecer nocturno, que estableceu un cordón policial de seguridade no exterior para levar a cabo a inspección do local. As dúas persoas indicadas insistían en non permitir o acceso ao interior do local, requiríndolles insistentemente que desistisen na súa actitude, ofrecendo unha resistencia activa ao labor policial, debendo ser finalmente a muller reducida e engrilletada, procedendo á súa detención. Cando os axentes atopábanse no interior do local para inspeccionalo, o responsable apagou todas as luces do local, quedando completamente ás escuras, comezando a arroxar contra o chan obxectos contundentes, ao mesmo tempo que acometía contra os policías, polo que tamén se procedeu á súa detención, opoñendo unha forte resistencia.

No exterior do local varias persoas desaloxadas tentaban acceder ao interior, entre elas unha muller de 23 anos e veciña da Coruña, a cal tentaba insistentemente saltar o cordón policial, e ao nonconseguilo, golpeou co bolso na cara a un dos axentes, polo que se procedeu á súa detención, debendo ser reducida mentres poñía resistencia activa á detención. Á vez que se producía esta detención, un home de 24 anos e veciño de Sada, abrazouse á muller para evitar que os axentes puidesen levar a cabo a detención, motivo polo cal tamén se procedeu á súa detención por entorpecer activamente o labor policial.

Unha vez controlada a situación procedeuse a unha inspección do interior do local, onde un dos axentes localizou escondido tras unhas caixas e tapado cun abrigo a un menor de idade, un veciño de Oleiros de 17 anos de idade. Devandito menor foi trasladado ao seu domicilio nun vehículo policial sen distintivos, onde foi entregado á súa nai. As catro persoas detidas foron trasladadas a dependencias policiais quedando custodiadas nos calabozos e a disposición xudicial, sendo denunciados por desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

AUXILIO A CIDADÁNS

- Ás 23:37 horas do día 29 recibiuse na Sala do 092 a chamada telefónica dun cidadán avisando de que na zona da praia do Orzán próxima á do Matadoiro había un home que estaba sobre as rocas próximas á auga dunha forma temeraria. Unha vez no lugar os policías localizaron a esta persoa, que tiña unha perna atrapada nunhas rocas moi próximas á auga --que presentaba unha ondada importante--. Os axentes, tras liberar ao home, solicitaron a presenza dunha ambulancia de 061, que trasladou a esta persoa, de 46 anos e veciño da cidade, ao CHUAC. Esta persoa, segundo manifestara á sala do 092 e aos axentes que foron na súa axuda, acudira ao lugar coa intención de suicidarse pero posteriormente arrepentiuse e, ao non poder saír de entre as rocas, solicitou auxilio á policía local. Dos feitos deuse conta a Concellería de Xustiza Social e Coidados para que lle fagan un seguimento.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Un condutor denunciado por dar positivo na proba de alcoholemia estando implicado nun accidente de circulación con feridos da clase 'arremetida', ocorrido ás 04:25 horas na confluencia das rúas Eduardo Dato e Valle Inclán, cando unha furgoneta chocou cun taxi Toyota Prius. O condutor do primeiro dos vehículos deu positivo en proba de alcoholemia, arroxando resultados 0,33 e 033 mg/litro de aire expirado, polo que foi denunciado administrativamente, feito que lle poderá supoñer unha sanción de 500 euros e retirada de 4 puntos do o seu carné de conducir.  O condutor do segundo dos vehículos tivo que ser atendido no Hospital Modelo de lesións de prognóstico leve. O vehículo que conducía foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

-  Un condutor denunciado ante o Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen obter nunca o permiso de condución, detectado ás 18:20 horas do día 29, cando unha dotación policial deste corpo, que estaba a realizar un control preventivo na avenida de Monelos, deu o alto a un camión da marca e modelo Iveco 35, comprobando que o seu condutor, un home de 42 anos e veciño da Coruña, non obtivera nunca o permiso de condución. Por tal motivo tramítanselle dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo carecendo de autorización administrativa, polo procedemento de xuízo rápido. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor habilitado e en condicións normais para conducir.

-  Unha condutora denunciada ante o Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen obter nunca o permiso de condución, detectada ás 19:30 horas do día 29, cando unha dotación policial deste corpo que se atopaba realizando un despregamento operativo na avenida Finisterre identificou a unha muller que estaba a gritar na vía pública, á cal xa pararan o día 26 deste mes cando ía conducindo un vehículo da marca e modelo Dacia Sandero e que lles mostraba unha fotografía da que dixera ser a súa autorización administrativa para conducir. Naquel momento, aínda que os actuantes tiveron serias dúbidas, deron por valida a autorización, pero tras a identificación realizada o día 29 e por medio do documento nacional de identidade, decatáronse que os datos non coincidían. Comprobando que a muller, de 49 anos e veciña da Coruña, non obtivera nunca o permiso de condución, tramítanselle dilixencias ao Xulgado de Garda por un concurso de dous delitos: contra a seguridade viaria por conducir un vehículo carecendo de autorización administrativa, así como unha posible usurpación de estados civil, sendo tramitado polo procedemento de Xuízo rápido.

- Un condutor denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas estando implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase 'contra obstáculo fixo',ocorrido ás 06:15 do día 30 horas na rúa Santo Tomás 73, cando unha furgoneta conducida por un home de 36 anos, e veciño desta cidade, chocou con dous vehículos estacionados. O condutor implicado foi sometido á proba de alcoholemia,  arroxando esta un resultado positivo 0,76 e 0,76 mg/litro de aire expirado, motivo polo que foi denunciado ao Xulgado por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas. O vehículo que conducía foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

CONTROL  DE ACTIVIDADE  A LOCAIS DE HOSTELERIA

- Ás 9:30 horas do 2 de xullo, unha dotación da Policía Local realizou unha inspección nun establecemento de hostalería da rúa Socorro e levantou un acta por incumprimento de varias normas relativas á ordenanza municipal.

- Ás 23:30 horas do 2 de xullo, unha patrulla realizou unha inspección nun local de hostalería da rúa Galera que tiña unha terraza que obstaculizaba o acceso ao inmoble dos veciños do edificio. A dotación identificou ao responsable do establecemento que non presentou nin licenza do local nin a autorización de instalación de terraza, o que se reflectiu no correspondente informe.

- Na tarde do 2 de xullo, unha dotación realizou inspeccións en varios locais de hostalería da zona do Centro da cidade co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa municipal, realizándose un informe policial coas deficiencias observadas en varios deles.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión