23 de marzo de 2017
O xurado destaca da proposta a combinación de diferentes xeitos e tradicións pictóricas e gráficas, que "pon o acento na diversidade como característica primeira deste mural", e a visibilización que fai das mulleres, unha das premisas da convocatoria, que forma parte do programa de actividades do 8 de Marzo
A Concellería de Igualdade e Diversidade vén de fallar o concurso de ideas de arte urbana posto en marcha dentro do programa de actividades do 8 de Marzo, 'Mulleres que transforman realidades', para a elección do graffiti que decorará o pavillón de deportes anexo ao CEIP San Francisco Javier'. Por unanimidade, o xurado seleccionou a proposta gráfica denominada 'Loita', do artista Juan Louredo Nine, por considerar que mediante a sucesión de imaxes que presenta "acada o obxectivo da campaña, mediante a visibilización das mulleres, poñendo en valor as súas contribucións á sociedade en distintos eidos, tanto no pasado coma no presente". Tal e como se recollía nas bases, a temática do concurso xirou arredor da idea da 'convivencia en igualdade', con referencias a conceptos como a igualdade de dereitos e de oportunidades, e co foco no recoñecemento e a posta en valor das contribucións das mulleres a unha sociedade que quere avanzar cara á igualdade.
O xurado salienta, neste sentido, a solución técnica elixida, que combina nunha mesma obra diferentes xeitos e tradicións pictórica e gráfica, desde o collage á imaxe bidimensional e volumétrica, cómic, gravado ou stencil e que, segundo se estima, "pon o acento na diversidade como característica primeira deste mural". "O recoñecemento de diversidade vai indisociablemente aparellado á convivencia en igualdade. Analogamente, o emprego dunha técnica diferente para cada contribución das mulleres recollida no mural, ilustra a diversidade e multiplicidade destas achegas. A diversidade de linguaxes empregadas é resolta mediante superposición e solape, o que produce unha afortunada sensación de espazo en profundidade sobre a planeidade do muro", conclúe.
Do mesmo xeito, o fallo pon de relevo que a obra premiada "estuda perfectamente o espazo proposto, en canto ás dimensións, o formato adoitado, incorporando os elementos da contorna urbana como partes activas da obra", e destaca a alusión á memoria do río de Monelos, que transcorre soterrado pola zona. "O emprego da referencia ao río resulta afortunado tamén coma figura do transcurso da progresión temporal", resolve, e salienta tamén a "chiscadela ás novas xeracións, en canto que os dereitos das mulleres forman parte da historia inacabada e incompleta dos dereitos humanos, que nesta obra se reflicte como unha progresión temporal".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible