8 de novembro de 2016
O alcalde, Xulio Ferreiro, destaca a aposta do Goberno local por esta iniciativa “estratéxica” de innovación social, “na liña das grandes cidades europeas e que encadra coa distinción de cidade de ciencia e innovación que A Coruña vén de renovar”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron esta mañá no Pazo de María Pita o obradoiro aberto que dará forma os días 24 e 25 de novembro ao Co-Lab, o Laboratorio Cidadán que promove o Concello da Coruña. Esta iniciativa, "que encaixa e apoia a distinción de Cidade de Ciencia e Innovación que A Coruña vén de renovar no mes de xullo", sinalou o rexedor, "servirá para cohesionar o traballo dos distintos axentes da cidade interesados na innovación social, na liña que xa desenvolven grandes capitais europeas e latinoamericanas". "O Co-Lab é un proxecto estratéxico nesta lexislatura, que pretende ser un espazo para o encontro co tecido social, para abordar procesos de innovación pedagóxica, cultural e educativa, e que dá resposta de xeito transversal e multidisciplinar ás necesidades e desafíos de futuro dunha cidade como A Coruña", expuxo Ferreiro, nunha xuntanza con parte dos axentes sociais convidados a participar no taller que terá lugar no Centro Ágora para o deseño deste proceso.
Claudia Delso, pola súa banda, recordou que o Co-Lab é un proxecto aberto "como tantos outros que operan no mundo", porque "nesta cidade danse as condicións, hai xente que leva moito tempo desenvolvendo proxectos de innovación social e cremos que é importante visibilizalos e integralos no proceso de creación do Laboratorio". A edil presentou o equipo promotor do Co-Lab, liderado polo propio Concello, a través da mesma Concellería de Participación e Innovación Democrática, pola Universidade da Coruña e outros investigadores.
A responsable municipal explicou tamén que o proceso de construción colectiva do Laboratorio ten catro fases que confluirán no obradoiro aberto dos días 24 e 25: a de Investigación, co mapeado dos axentes da cidade, a avaliación comparativa doutras iniciativas semellantes, a posta en valor do coñecemento de persoas con experiencia previa en procesos similares e a definición en profundidade das necesidades e intereses das persoas usuarias; a de Territorialización, que tratará de entender en profundidade as problemáticas da Innovación cidadá, da Innovación educativa, do Coñecemento aberto e da Cultura dixital; a de Ideación e Deseño dos proxectos a desenvolver; e a de Prototipado dos primeiros proxectos do Co-Lab.
Así, o obradoiro que terá lugar no Centro Ágora será un espazo aberto de traballo e reflexión para definir as características e natureza do Laboratorio Cidadán, así como os primeiros proxectos a desenvolver. Trátase dun obradoiro aberto e público no que 90 persoas con experiencia previa en procesos similares, traballadoras municipais o persoas interesadas no proxecto idearán solucións integrais para o Co-Lab a través de metodoloxías colaborativas. O programa do obradoiro, cuxa inscrición pode realizarse a través de http://colab.coruna.gal/#participa, farase público a través desta páxina web e artellarase arredor de dous formatos: relatorios de persoas con experiencia previa en procesos similares e traballo colectivo en grupos de non máis de 20 persoas.
Polo que respecta aos relatorios, Nagore de los Ríos ofrecerá falará sobre Innovación cidadá, Pedro Jiménez sobre Coñecemento aberto, Enrique Saavedra sobre Cultura e produción dixital, Juan Freire sobre Innovación educativa e Marcos García e Antonio Lafuente compartirán as súas experiencias en deseño e xestión dun laboratorio cidadán. Todos os relatorios rematarán cunha ronda de preguntas e cun debate aberto.
No relativo aos grupos de traballo, realizaranse tres sesións nas que se revisará a investigación previa e benchmarking (exploración de experiencias inspiradoras) na busca de ideas-forza para o proxecto Co-Lab, se celebrará unha sesión de xeración colectiva de ideas para a implementación de cada área temática -previo filtrado e selección para o prototipado- e se deseñará unha serie de prototipos experimentais, así como a folla de ruta para a súa posta en marcha e o estudo das necesidades de recursos e infraestruturas que implicarían.Todas as sesións rematan coa posta en común dos resultados de cada grupo.
Para máis información sobre o Co-Lab e o obradoiro dos días 24 e 25, pode visitarse o espazo http://colab.coruna.gal
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible