Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2015

Un total de 74 establecementos hostaleiros da Coruña participan na XII edición do concurso de Tapas Picadillo

Os bares e restaurantes presentarán un total de 97 pratos que optarán a catro premios distintos, tres de 1.500 euros e un cuarto á Mellor Maridaxe que consta de visita e aloxamento a unha bodega da D.O. de Valdeorras



 



O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou este mércores a XII edición do Concurso de Tapas Picadillo, destinado aos establecementos hostaleiros da cidade e que toma o seu nome de Manuel María Puga e Parga, o alcalde “Picadillo”, rexedor da Coruña entre 1915 e 1917, ademais de escritor e gastrónomo. O certame arrincará o próximo día 11 de setembro e estenderase até o 27.

O edil quixo destacar a boa acollida do concurso entre a hostalería coruñesa. Nesta edición se rexistraron “74 establecementos participantes, fronte aos 64 do ano pasado”. Presentarán en total 97 tapas (86 en 2014). En concreto, no Concurso de Tapas Picadillo existen dúas categorías de tapas participantes: a tradicional (61) e a creativa (36). Este ano, como novidade, existen tres categorías de participación, a tradicional, a creativa e a Categoría Maridaxe, á que optan 13 establecementos. “Nesta categoría, principal novidade deste ano, premiase ao establecemento que presentou una tapa acompañada cun viño”, indica.

Nesta ocasión, a Categoría Maridaxe está patrocinada polo Concello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras, aínda que Lema avanzou que ten “vocación de continuidade” e a previsión é que en vindeiras edicións continúe co apoio dos distintos consellos reguladores que hai en Galicia.  Os establecementos que compitan nesta categoría participarán nun curso de maridaxe nos días previos ao inicio do Picadillo.

O Concurso de Tapas Picadillo busca poñer en valor e premiar a calidade hostaleira da cidade, e o fai a través dun certame do que tamén pode participar a cidadanía coruñesa, que se convirte en xuíz. Para participar é imprescindible que todas as tapas que se presenten estean elaboradas dunha forma artesanal “e con algún produto galego”. Non se aceptarán receitas precociñadas, e cada establecemento poderá participar nunha ou nas dúas modalidades do evento, pero presentando só unha tapa en cada caso. Os participantes comprométense a ofertar aos seus clientes a tapa concursante durante ao menos tres meses (até decembro inclusive). O prezo da mesma debe estar comprendido entre un e dous euros.

Na primeira fase do certame, nomearanse expertos independentes pertencentes á Academia Galega de Gastronomía (entre eles, atópase Carmen Fernández GagoPuga, a neta do alcalde Picadillo). Está previsto que visiten os establecementos concursantes durante os dez primeiros días de concurso. As tapas valoraranse entre os cero e os 10 puntos atendendo aos seguintes criterios: sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. As 10 mellores tapas (5 en cada modalidade) que obteñan mellor puntuación pasarán á segunda fase. Nesta, un xurado distinto ao anterior valorará os pratos finalistas. As tapas que participan na categoría de Maridaxe serán valoradas por un xurado formado por membros da Asociación de Sumilleres Gallaecia.

Paralelamente, durante os días que dure o concurso, o público poderá votar as tapas participantes mediante cupóns de votación e furnas habilitadas para tal fin nos establecementos.

O premio á mellor tapa tradicional está premiado con 1.500 euros, ademais dun diploma acredidativo e unha chaquetilla de chef co logo bordado do concurso. O mesmo recibirá o establecemento que resulte gañador na categoría de tapa creativa. O premio Picadillo á Mellor  Maridaxe con viños D.O. Valdeorras contempla unha visita para dúas persoas a unha bodega con aloxamento ademais dun percorrido por zonas consideradas de Lagares Rupestres. Pero, como sempre neste certamen, a cidadanía tamén será xuíz no Premio Picadillo Cidade da Coruña. Tamén neste caso está dotado cun diploma acreditativo, chaqueta de chef e 1.500 euros.

O público que participe como excepcional xurado no concurso de tapas tamén opta a distintos premios, como cinco xantares ou ceas para dúas persoas en establecementos gañadores do concurso (valorado en 60 euros por parella), seis lotes de produtos galegos e delicatessen (80 euros/ unidade), oito vales de compra para consumo en mercadores coruñeses (50 euros/unidade), seis vales de compra no pequeno comercio coruñés (100 euros/unidade) e tres bonos Termaria en familia (dous adultos e dous nenos, valorados en 100 euros cada un).

Ademais, e de forma adicional ao Concurso de Tapas Picadillo, a Concellería de Economía e Emprego Social porá en marcha os Talleres Infantís Pequepincho que se desenvolverán entre os sábados 19 e 26 de setembro baixo o título “Pintar con vitaminas é comer san”. Cada sábado realizaranse, no Mercado de San Agustín, dous talleres por días, en horario comprendido entres as 10.00 e as 14.00 horas da mañá. Dirixidos a nenas e nenos de entres 5 e 9 anos, estes realizarán todo o proceso de elaboración dun prato de forma divertida, dende a compra dos produtos, visitando os postos da praza, até a preparación. “O prazo de inscrición ábrese o próximo 11 de setembro , aínda que xa estamos a recibir peticións”, indicou Lema para amosar a boa acollida desta iniciativa.

 

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión